Manuel Baltar defende en Madrid, nun foro que representa a máis de 800 concellos, as deputacións "como clave para a recuperación fronte a crise"

Compartir

  • Considera que estes gobernos locais intermedios deben incrementar a súa eficiencia e acometer unha reforma de competencias, de financiamento e do réxime electoral para a elección directa dos deputados.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe en Madrid, na reunión do Consello Permanente da Federación española de municipios con centrais e encoros que as deputacións "son clave para a recuperación económica fronte á crise que afecta á sociedade e, sinaladamente, aos concellos", e avanzou que é necesario "incrementar a eficiencia destes gobernos locais intermedios e acometer unha reforma de competencias, de financiamento e do réxime electoral, que permita a elección directa dos deputados".

No acto, celebrado na sede da Federación Española de Municipios e Provincias, Baltar explicou nun foro que representa a máis de 800 concellos de España que a maioría destas propostas coinciden coa reforma da Administración Local que está a levar a cabo o Goberno, "e proba diso é que a Deputación de Ourense está a traballar nun proxecto piloto que propuxemos ao Ministerio de Facenda e aceptado polo propio secretario de Estado de Facenda e Administracións Públicas, Antonio Beteta, de Racionalización da Estrutura Administrativa Municipal, exportable a outros gobernos provinciais de España". Esta plan ten como obxectivo "que as deputacións se convertan en verdadeiras plataformas de servizos para os concellos e os cidadáns", aclarou Baltar, e situou aos servizos sociais, a xestión medioambiental e as infraestruturas como tres piares fundamentais desa plataforma de xestión supramunicipal.

"Modernidade, axilidade na xestión, aforro e eficacia", son os catro elementos que deben presidir, en opinión de Manuel Baltar, a xestión integral das deputacións, cuxo papel no futuro considera clave para a pervivencia dos milleiros de pequenos e medianos concellos de España. "Coa reforma da Lei de racionalización e sostibilidade da Administración Local, as deputacións serán protagonistas do pulo municipal naqueles concellos con menos de 20.000 habitantes, pois a deputación pasará a exercer directamente moitas máis competencias municipais, indo máis aló de prestar só axuda aos concellos, para converterse no "concello dese concello", asumindo xestións que, sen dúbida, suporán un considerable aforro e mellora na prestación de servizos para o dito municipio".

Manuel Baltar explicou o modelo que, neste senso, desenvolve a da Deputación de Ourense, que dende ano ven asumindo competencias municipais por delegación dos concellos, con eficiencia demostrada e altas valoracións, en ámbitos como a recollida de residuos en 50 dos 92 concellos da provincia; a recadación dos tributos locais en 48; os servizos sociais; a recollida de animais abandonados ou a cooperación para a realización de obras de infraestruturas viarias e medioambientais.

Baltar –quen cualificou de "valente" o feito de que o Goberno decida acometer despois de 30 anos unha reforma- afirmou que as deputacións deben seguir desempeñando "un rol de liderado provincial", e asistir e cooperar cos pequenos concellos "pero tamén defender unha visión integral de provincia". Avogou, asemade, porque a reforma da Administración Local "elimine duplicidades e pense en clave de cidadán, porque se merece un servizo público de excelencia".

"Este momento de crise obriga a tomar medidas e temos que ver unha oportunidade no municipalismo, porque na súa modernidade está a clave para o futuro dos nosos concellos", concluíu Manuel Baltar.