Deputación e Fundación Otero Pedrayo establecen acordos conxuntos a prol da "Ourensanía"

Compartir

Manuel Baltar reuniuse hoxe coa directiva da fundación na Casa Museo de Trasalba co obxectivo de seguir afondando na figura do insigne intelectual galego e de manter a colaboración institucional en favor do seu legado cultural.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe na Casa Museo de Trasalba coa directiva da Fundación Otero Pedrayo a petición da mesma, para coñecer en detalle os proxectos e actividades da fundación e para acordar seguir mantendo a colaboración que a Deputación de Ourense ven dando a esta institución para o mantemento da súa actividade, como membro que é do seu padroado.

Na reunión participaron xunto a Manuel Baltar os directivos da fundación, encabezados polo seu presidente, Víctor Freixanes, e polo vicepresidente, Ramón Villares, tamén presidente do Consello da Cultura Galega. Na xuntanza, Deputación de Ourense e Fundación Otero Pedrayo concordaron en establecer acordos conxunto que afonden nos aspectos máis salientables da "Ourensanía", "unha liña de traballo cultural acorde coa traxectoria do insigne intelectual que foi don Ramón Otero Pedrayo, cuxa figura é capital na historia de Galicia, pois foi un dos "bos e xenerosos", e os ourensáns temos a obriga de mantelo na esencia da nosa cultura", explicou Manuel Baltar.

No decurso da reunión analizáronse as actividades que leva a cabo a fundación, a memoria do ano anterior, e fíxose un balance das accións e proxectos desenvolvidos ata o momento. Asemade, Deputación de Ourense e Fundación Otero Pedrayo acordaron que a institución provincial poderá dispoñer do espazo da Casa Museo para a realización de actos de carácter cultural, feito que o presidente provincial agradeceu "por ser este un lugar emblemático e centro neurálxico para a Ourensanía".