Presentación da web "Ourense Exporta", unha iniciativa do Inorde para crear unha rede de exportación de empresas ourensás
- A plataforma dixital, presentada hoxe na Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, ten como obxectivo aglutinar empresas para favorecera a internacionalización.
- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, puxo a disposición do empresariado ourensán os soportes técnicos de última xeración para expandir plans de negocio e para lograr unha actividade exportadora "continua e estable".
Na sede da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas tivo lugar hoxe a presentación da web "Ourense Exporta", unha plataforma dixital que ten como obxectivo aglutinar empresas ourensás para favorecer iniciativas de internacionalización e exportación. O acto contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, Elías Mera; do xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, e do profesor Jim Driscoll, coach do estado de Texas (EEUU), quen visita estes días a provincia de Ourense para achegar os seus coñecementos no ámbito da exportación e importación en Estados Unidos.
Manuel Baltar identificou o comercio exterior como unha "clave de supervivencia non só das grandes empresas, senón tamén das pemes", e defendeu unha visión das exportacións "como venda continua e estable, e non como unha venda oportunista para colocar excedentes ocasionais", o que no ámbito empresarial equivale a lograr o status de empresas exportadoras regulares.
O presidente provincial puxo ao servizo do empresariado ourensán, a través do Inorde, os recursos necesarios "para axudar ás empresas de Ourense a ser mellores e a minimizar os riscos da internacionalización, dando asesoría e ofrecendo soportes técnicos e tecnolóxicos de última xeración".
O obxectivo desta plataforma (ourenseexporta.com) é converter a un número significativo de pemes ourensás en exportadoras regulares e facer da exportación unha actividade cercana, cotiá, rendíbel e duradeira no tempo. Preténdese amosar nos mercados exteriores todo o potencial exportador da provincia de Ourense.
A ferramenta, que está aberta ao conxunto das empresas e dos parques da provincia, buscará alcanzar forte representatividade -nunha primeira fase- entre as máis de 500 sociedades con sede no Polígono de San Cibrao, no Parque Tecnolóxico de Galicia ou nos parques empresariais de Pereiro de Aguiar e Barreiros, cos que a Deputación asinou en xuño de 2012 o Proxecto de Internacionalización de Empresas.
O novo escaparate da innovación, da creatividade e da produtividade ourensá, a páxina web ourenseexporta.com, é unha ferramenta interactiva que guiará ás pemes ourensás na esforzada e selectiva labor de abrirse á internacionalización. Nun mesmo espazo virtual agrupará, en 72 idiomas, a oferta de todas as empresas adheridas, que aparecerán coa súa ficha de datos básicos e co código QR para o acceso á súa propia web corporativa.
Ademais, desde ourenseexporta.com poderán divulgar, cun só clic, presentacións e novas nas principais redes sociais. O que será o maior directorio e a maior rede de empresas exportadoras de Ourense estréase coa presenza dunha vintena de firmas representantes de seis sectores: alimentación, automoción, enxeñería, construción, téxtil e calzado. Nos vindeiros meses, irá crecendo en número de adhesións e de sectores representados, ao actuar como plataforma para aquelas empresas da provincia que están á procura de ampliar horizontes como alternativa á crise económica.
O proxecto ourenseexporta.com é froito do convenio sobre fomento do comercio exterior recollido no Plan OU92 de xestión estratéxica operativa da Deputación Provincial. É ademais o resultado da experiencia previa que consistiu na elaboración do catálogo de empresas ourensás con perspectivas de internacionalización, unha sondaxe que achegou resultados sobre o potencial das exportacións ourensás e sobre o xeito de enfocar o salto exterior en todo tipo de sociedades.
Programas de apoio e seguimento
A xornada de presentación desenvolvida hoxe na sede da Asociación de Empresarios de San Cibrao das Viñas tamén acolleu unha misión inversa na que participaron, entre outros, un asesor de inversións, un experto en viños internacionais e unha xestora de mercados, todos eles procedentes de Texas.
E o encargado da intervención desta delegación foi Jim Driscoll, fundador e presidente de Advisor Bridge Coach, business coach, autor de éxito, importador e asesor de compañías como Chase, Wells Fargo, Lincoln Financial, New York Life, The Hartford, Guardian, Ameriprise, Woodbury Financial e Bankers Life. Na súa ponencia, destacou que Galicia ten que aproveitar os seus recursos chave, entre os que nomeou a variedade de produtos, as posibilidades de rápido crecemento, o turismo e a situación estratéxica preto dos portos e do Camiño de Santiago.
Jim Driscoll subliñou a importancia de crear un branding ou logo rexional que lle aporte visibilidade e identidade a todos os produtos galegos cada vez que se faga unha operación de exportación. Deste xeito, a propia marca de Galicia vencellada as producións actuaría como tirón para fomentar o turismo.
No seu relatorio, chegou a trazar a secuencia tipo dun plan de exportación a cinco anos, que segundo a súa recente experiencia para dinamizar o departamento peruano de Ica, debería comezar pola identificación dos recursos, produtos e servizos clave da economía ourensá; por crear un logotipo de marca unificada, por poñer en marcha cadeas de distribución nos países de maior potencial comercial; e por levar a cabo accións de promoción e marketing en cada un dos mercados elixidos.