150 participantes do Programa Innova II inician as súas prácticas profesionais
- Hoxe iniciouse a fase de inmersión laboral deste proxecto europeo, que pon en marcha a Deputación de Ourense.
O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" no acto que da inicio á fase de inmersión laboral do Programa europeo Innova II, unha iniciativa que pon en marcha a Deputación de Ourense e que permitirá nesta primeira fase que 150 persoas realicen prácticas profesionais en empresas da provincia de Ourense no sector de "Atención ás persoas".
Os 150 primeiros beneficiarios deste programa provincial, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, remataron hoxe os dous meses de formación teórica do proxecto cunha master class sobre "Busca de emprego 2.0", impartida polo coach Xosé Alberte Cea, experto en orientación laboral a través das novas tecnoloxías.
Na xornada avaliáronse diferentes aspectos da cualificación do sector de actividade de atención as persoas dependentes, no que se están formando os participantes no proxecto, os cales terán cada un o seu itinerario personalizado de inserción no que atinxe á empresa á que van destinados, horarios de prácticas profesionais, obxectivos e compromiso empresa-participante sobre as funcións e responsabilidades a desenvolver.
Ao longo da provincia de Ourense –en 11 zonas formativas-, pertencentes a diferentes concellos, os participantes levarán a cabo a inmersión práctica en relación coas 11 accións formativas que se imparten no proxecto referido ao sector de "Atención ás persoas".