Acordos do pleno ordinario da Deputación de Ourense de data 26 de xullo de 2013
RESOLUCIÓN DO CONVENIO ENTRE A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE E O CONCELLO DE PEREIRO DE AGUIAR, PARA A PRESTACIÓN DE ASISTENCIA TÉCNICA INTEGRAL E COOPERACIÓN FINANCEIRA NA XESTIÓN DO SERVIZO MUNICIPAL DE ABASTECEMENTO DOMICILIARIO DE AUGA POTABLE.
1º.- Declarar resolto e extinguido, en execución da sentenza n.º 725/2012, do 12 de xullo, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o convenio de 1 de decembro de 2009, subscrito entre a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Pereiro de Aguiar, para a prestación de asistencia técnica integral e cooperación financeira na xestión do servizo municipal de abastecemento domiciliario de auga potable.
Non obstante o anterior, a Deputación Provincial de Ourense continuará realizando as prestacións a favor do Concello de Pereiro de Aguiar previstas no dito convenio, ata tanto o Concello de Pereiro de Aguiar non dispoña efectivamente dun modo alternativo para a prestación do servizo, co fin de garantir a continuidade e normalidade na súa prestación.
A liquidación do convenio será aprobada pola Presidencia da Deputación Provincial, unha vez que se produza o cesamento efectivo na súa execución. Na dita liquidación incluiranse os servizos efectivamente prestados no exercicio 2013 que non fosen obxecto de facturación pola Deputación ao Concello, nas condicións previstas na cláusula 1ª, apartado 3, parágrafo 2º, do convenio.
En todo caso, a devolución das achegas realizadas pola Deputación ao Concello en concepto de cooperación financeira para investimentos en infraestruturas de abastecemento de auga (achega que xa lle foi librada completamente ao concello ao inicio da execución do dito convenio) serán devoltas por este nos prazos previstos no convenio.
2º.- Comunicarlle este acordo ao Concello de Pereiro de Aguiar, requiríndolle para que inicie o procedemento necesario co fin de poder dispoñer, á maior brevidade posible, dun modo efectivo de xestión do servizo de abastecemento domiciliario de auga potable.
3º.- Comunicarlle á Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o presente acordo, para os efectos oportunos.
EXPROPIACIÓN FORZOSA COMPLEMENTARIA PARA A EXECUCIÓN DA OBRA DE MELLORA DA ESTRADA PROVINCIAL " OU-0209 CELANOVA-QUINTELA DE LEIRADO, NO CONCELLO DE CELANOVA.
1) Resolver as alegacións formuladas por D. Serafín Manuel Suarez Santalices, consonte co informe emitido polo Servizo de Vías e Obras da Deputación Provincial de Ourense, nos termos que se expoñen a continuación:
2) Acordar definitivamente a necesidade de ocupación dos bens e dereitos expostos.
MODIFICACIÓN DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL DO EXERCICIO 2013, RELATIVA Á OBRA MUNICIPAL DO CONCELLO DE TRASMIRAS CORRESPONDENTE Ó PLAN PRINCIPAL
Acordo:
Modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2013 no relativo á obra municipal n.º 77/POS/2013 "Construción Centro Socioeconómico Escornabois" correspondente ao Concello de Trasmiras, quedando fixado o seu orzamento de execución na cantidade de 127.767,80 € -en substitución do importe de 41.300,00 € recollido no acordo que se modifica-, cunha achega de 30.975,00 € con cargo ao orzamento da Deputación e unha achega a cargo do concello polo importe restante.