Declaración institucional da Deputación de Ourense, á que se deu lectura no pleno de hoxe, 26 de xullo de 2013

Compartir

A cidadanía ourensá, representada politicamente aquí polas deputadas e deputados que conforman a totalidade desta corporación provincial, quere transmitir a súas condolencias aos familiares das vítimas provocadas polo accidente ferroviario acontecido en Santiago de Compostela e lamenta fondamente esta traxedia.

Os tres grupos políticos da corporación provincial amosan a súa consternación polo grave accidente, recoñecen a lección de solidariedade mostrada polo pobo galego diante deste drama, e, ao mesmo tempo, queren agradecer o traballo que están a realizar os servizos sanitarios, de emerxencias e as forzas e corpos de seguridade, así como a colaboración altruísta de voluntarios e cidadáns, en favor das vítimas e de apoio aos seus familiares, nun momento no que Galicia está sumida nunha fonda tristura.

O pleno da Deputación de Ourense únese así a dor das familias e expresa neste acto o seu fondo pesar polo acontecido, cun sentimento de máximo respecto e solidariedade.

En Ourense, a 26 de xullo de 2013.