Manuel Baltar toma posesión como novo membro do consorcio contra incendios de Valdeorras

Compartir

Está previsto que o Consorcio Provincial de Incendios comece a funcionar en xaneiro de 2014.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, tomou posesión hoxe como novo membro do consorcio contra incendios e salvamento de Valdeorras, que agrupa aos concellos da Rúa, O Barco, Vilamartín, Rubiá, A Veiga, Petín, Carballeda, O Bolo e Larouco, o que supón un paso importante cara a constitución do Consorcio Provincial de Incendios de Ourense, que prevé comezar a funcionar en xaneiro de 2014.

Esta iniciativa, contemplada no Plan de xestión e estratexia operativa 2012-2015 da Deputación de Ourense, OURENSE 92, ten como obxectivo mellorar a coordinación dos equipos de incendios que actúan nas diferentes comarcas da provincia de Ourense, que prestan apoio e colaboración en sinistros, accidentes e situacións de emerxencias relacionadas cos lumes.

Na xuntanza de hoxe estiveron presentes ademais de Manuel Baltar, o alcalde de Larouco, Joaquín Bautista Prieto, en representación dos concellos consorciados; Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia e Rogelio Martínez, delegado territorial da Xunta en Ourense.

Manuel Baltar foi designado no pleno da corporación provincial de xuño pasado representante en todos os consorcios comarcais. Precisamente, a Deputación de Ourense está a impulsar a coordinación dos consorcios dos parques de bombeiros da provincia para mellorar a súa xestión tanto administrativa como técnica e de intervención, a través da unificación deste entes no Consorcio Provincial de Incendios. A Deputación de Ourense é parte fundamental no desenvolvemento destas unidades de bombeiros (en Xinzo, Verín, Valdeorras e no futuro o do Carballiño). Cofinancia o seu funcionamento cun total de 848.000 euros, o que supón o 37,5 % do orzamento destes consorcios.