Deputación de Ourense e Real Academia Galega coeditarán un libro sobre a historia da Ourensanía na RAG

Compartir

  • Manuel Baltar convidou á Academia a realizar un pleno no Pazo Provincial para conmemorar os 35 anos do pasamento de Eduardo Blanco Amor.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no seu despacho do Pazo Provincial ao presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e ao secretario de dita institución, Henrique Monteagudo, unha xuntanza na que concordaron en potenciar as liñas de colaboración entre ámbalas dúas institucións.

Entre os temas que analizaron destaca a publicación que acordaron coeditar Deputación e RAG sobre a historia da Ourensanía na Real Academia, abranguendo dende Curros Enríquez –un dos principais impulsores da RAG, labor que fixo dende A Habana- ata Xosé Fernández Ferreiro, actual académico, e mesmo o propio Alonso Montero, actual presidente, quen, aínda nado en Vigo, é un destacado integrante da Ourensanía.

No decurso da xuntanza, Manuel Baltar, quen cualificou "de honra" o feito de recibir a visita deste dous destacados académicos, convidou á RAG á celebración no Pazo Provincial dun pleno monográfico da Real Academia Galega para conmemorar os 35 anos do pasamento de Eduardo Blanco Amor, que se cumpren o vindeiro ano 2014.

Ademais, Baltar, Alonso e Monteagudo analizaron os traballos que está a realizar a Real Academia no ámbito da toponimia, "tema de grande interese para a nosa provincia de Ourense e que tamén pode formar parte das futuras publicacións que coeditaremos entre ámbalas dúas institucións", destacou Manuel Baltar.