A Deputación de Ourense recoñece o éxito acadado polo campión nacional de xadrez, Iván Salgado
- Manuel Baltar recibiu no Pazo Provincial ao xadrecista, apoiado pola institución provincial a través do programa de Bolsas para Deportistas.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no seu despacho do Pazo Provincial ao campión nacional absoluto de xadrez, o ourensán Iván Salgado, a quen felicitou polos éxitos acadados e agradeceu, como presidente provincial, a proxección nacional e internacional que o xove xadrecista fai da nosa provincia.
Manuel Baltar recoñeceu e subliñou o traballo de Iván Salgado "non só por ter acadado o grande éxito que supón ser campión nacional absoluto senón tamén pola súa traxectoria de esforzo e sacrificio no xadrez", unha traxectoria á que a Deputación de Ourense estivo vencellada case dende o seu comezo a través do programa de Bolsas a Deportistas do que foi beneficiario Iván Salgado.
Baltar mantivo un encontro co xadrecista, acompañado polo asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González, no decurso do cal destacou "o orgullo que supón para a cidade e para a provincia de Ourense que un ourensán estea no cumio do xadrez nacional e forme parte tamén da selección española de xadrez, co que iso supón de proxección internacional e de levar o nome de Ourense aló onde vai a competir, algo polo que temos que seguir consolidando o apoio que como institución provincial lle estamos a dar".
Iván Salgado -quen o pasado mes de maio cumpriu 22 anos- é o xogador máis novo da historia do xadrez español en conseguir o título de "Gran Mestre Internacional", con a penas 16 anos. De formación case autodidacta, iniciouse no Club de Xadrez "Casa da Xuventude", e aos 12 anos foi fichado e becado polo Club Marcote de Pontevedra para proseguir coa súa aprendizaxe.
Na actualidade pertence o Sestao Naturgas, un dos clubs de xadrez máis importante de España. Ocupa o terceiro posto do ranking absoluto de España, e ven de conseguir ante o catalán Miguel Illescas o Campionato Absoluto de España. Con anterioridade xa conseguira catro campionatos de España de diferentes categorías. Foi tamén subcampión do mundo Sub-18, en 2009, e campión iberoamericano absoluto en Quito, en 2012. Ocupa o posto 182 no ranking mundial e o 150 no ranking europeo.