O presidente da Deputación de Ourense, na inauguración de Termatalia
- A institución provincial colabora este ano co patrocinio do balneario da feira, que recrea as instalacións dun centro termal.
- Xunta e Deputación están a elaborar o estudo "Ourense, Provincia Termal", do que sairá o plan estratéxico de termalismo para a provincia de Ourense.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe no acto inaugural da feira Termatalia, en Expourense, evento no que se dan cita representantes de 30 países e que supón un importante foro de negocios e coñecemento para o turismo termal de saúde e ocio. Nesta edición a institución provincial participa como patrocinador principal de Termatalia patrocinando o balneario da feira, que ten unhas dimensións de 550 metros cadrados e que recrea as instalacións dun centro termal, para que os visitantes profesionais e o público en xeral poidan visitalo. Esta estrutura inclúe unha piscina termal, unha área de relax, cabinas de tratamentos (baño celta, bañeira vichy, chorro hidrotermal, sauna, pediluvio, maniluvio e jacuzzi), zona de masaxe e zona de exposicións e presentacións.
No acto inaugural, que foi clausurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o titular do goberno galego referiuse ao proxecto que está a desenvolver a Xunta conxuntamente coa Deputación de Ourense: o estudo denominado "Ourense, provincia Termal", do que sairá o plan estratéxico de termalismo para a provincia de Ourense, que ten como obxectivo realizar unha diagnose dos recursos e necesidades que neste ámbito ten a provincia de Ourense, e comprenderá a realización dun estudo de financiamento, a posta en marcha de novos produtos turísticos e a determinación do modelo de xestión que se vai levar a cabo, coa participación pública e da iniciativa privada.
O proxecto contempla dúas fases: na primeira delas -a de diagnose- realizarase un inventario do patrimonio cultural, natural-termal, así como de recursos e axentes termais, acompañado dunha avaliación do escenario turístico-termal, e de entrevistas cualificadas sobre destinos e produtos competidores, xunto cunha análise de fortalezas, debilidades, ameazas e oportunidades, e concluirá esta fase coa definición de liñas estratéxicas de actuación.
Na segunda fase –referida ao plan director- analizaranse as instalacións, proposta de novos produtos turísticos, prioridades de actuación, proposta de financiamento, modelos de xestión e participación da iniciativa privada.
O prazo para a entrega do estudo remata o 31 de decembro, data na que xa se coñecerán as conclusións, accións e as liñas de actuación que terá o plan "Ourense, provincia termal".