Acordos do pleno ordinario da Deputación de Ourense de data 27 de setembro de 2013
*Aprobación da MOCIÓN DE APOIO ÁS/ÓS TRABALLADORAS/ES DE UNITONO NO PARQUE TECNOLÓXICO DE GALICIA.
Acordo:
• Esixirlle a Gas Natural Fenosa o mantemento da carga de traballo que tiña Unitono Servicios Externalizados no Parque Tecnolóxico de Galicia en San Cibrao das Viñas, para garantir a actividade e os postos de traballo nel.
• Instar á Xunta de Galicia para que empregue todos os métodos ao seu alcance para que Gas Natural Fenosa siga a manter esta carga de traballo.
• Trasladarlles este acordo á empresa Unitono Servicios Externalizados, ao Comité de Empresa e aos representantes dos traballadores nela.
*Aprobación da MOCIÓN PARA A DECLARACIÓN DA RIBEIRA SACRA COMO PATRIMONIO DA HUMANIDADE
Acordo:
1º.- Impulsar a candidatura da Ribeira Sacra para a súa declaración como patrimonio da humanidade.
2º.- Dirixirse ao Goberno Autonómico para poñer en marcha o procedemento correspondente para a formalización da dita candidatura e requirir a súa necesaria colaboración.
3º.- Instar ao Goberno de España para que, unha vez elaborada a candidatura, promova a dita declaración diante do Comité do Patrimonio da Humanidade da UNESCO.
4º- Remitirlles aos concellos que forman parte do territorio obxecto da declaración e á Deputación Provincial de Lugo este acordo para que se sumen a esta iniciativa.
*Aprobación INICIAL DA ORDENANZA DO SERVIZO DE PUBLICACIÓNS.
Acordo:
Queda derrogada a Ordenanza reguladora dos prezos públicos das publicacións editadas pola Deputación de Ourense, aprobada por acordo do Pleno do 26 de novembro de 2010 e publicada no Boletín Oficial da Provincia do 22 de xaneiro de 2011.
Aprobase inicialmente a ordenanza do servizo de publicacións, no que se regulan:
- Normas xerais.
- Planificación e procedemento de selección das publicacións.
- Consello Asesor de Publicacións.
Créase o Consello Asesor de Publicacións, como órgano asesor da Deputación Provincial na xestión do servizo de publicacións, coas seguintes funcións:
a) Informar preceptivamente os plans anuais de publicacións.
b) Informar preceptivamente as bases das convocatorias de procedementos para a selección ou encargo de obras.
c) Informar preceptivamente os procedementos de selección ou encargo de obras.
d) Informar as solicitudes de coedición de obras formuladas por entidades sen ánimo de lucro, e propoñer a súa realización.
e) Ser informada da xestión do servizo, e propoñer as melloras ou modificacións que considere oportunas na súa ordenación e xestión.
f) Propoñer as normas de deseño das publicacións da Deputación.
- Comercialización e distribución de publicacións. Prezos públicos.
A presente Ordenanza entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2014, unha vez publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, e sempre e cando transcorresen os prazos establecidos no artigo 70.2 en relación co 65.2 da Lei reguladora das bases do réxime local.
*Aprobación do EXPEDIENTE 4/2013 DE MODIFICACIÓN DOS CRÉDITOS ORZAMENTARIOS E DAS BASES DE EXECUCIÓN DO ORZAMENTO DO EXERCICIO 2013 MEDIANTE SUPLEMENTOS DE CRÉDITO
Acordo:
Aprobase a modificación de créditos do expediente, co seguinte detalle:
SUPLEMENTOS DE CRÉDITO. GASTOS DE INVESTIMENTO
APLICACIÓN EXPRESIÓN IMPORTE €
341.11/762.00 A Concellos. Instalacións deportivas fomento do deporte..... 140.535,00
450.12/762.01 A Concellos. Cooperación provincial..... 608.450,00
453.11/619.01 Plano cooperación. Vías provinciais..... 148.435,05
336.11/780.00 Igrexas e outros monumento. Patrimonio histórico- artístico..... 100.000,00
RESUMO
Suma suplementos de crédito......................... 997.420,05
TOTAL...........................................................997.420,05
*Aprobación da DESAFECTACIÓN E CESIÓN GRATUÍTA AO MVMC DE COTO DE SAN CIBRAO E CIMA DA COSTA DO VELIÑO, TERMO MUNICIPAL DE RIBADAVIA, DE DÚAS PARCELAS SOBRANTES PERTENCENTES AO ANTIGO TRAZADO DA ESTRADA PROVINCIAL OU-0303 VALDEPEREIRA-MASIDE
Acordo:
1º.- A desafectación das dúas parcelas sobrantes pertencentes ao antigo trazado da estrada provincial OU-0303 Valdepereira-Maside, sitas entre os puntos quilométricos 920,00-1020,00 e 1220,00-1280,00, que aparecen reflectidas no plano que consta no expediente de desafectación.
2º.- Autorizar a cesión gratuíta ó MVMC de "Coto de San Cibrao e Cima da Costa do Veliño" das referidas parcelas sobrantes, co fin de que sexan incorporadas á superficie do devandito monte.
3º.- Facultar á Presidencia para a sinatura do correspondente convenio de cesión gratuíta
*Aprobación da SUBSCRICIÓN DO CONVENIO MODIFICADO DE COOPERACIÓN FINANCEIRA ENTRE AUGAS DE GALICIA, A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE E O CONSORCIO DE AUGAS DE VALDEORRAS
Acordo:
Aprobar a subscrición do convenio modificado de cooperación financeira entre Augas de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e o Consorcio de Augas de Valdeorras, para a xestión do servizo intermunicipal delegado de depuración de augas residuais na Comarca de Valdeorras.
É obxecto deste convenio establecer as condicións básicas para a colaboración entre a entidade pública empresarial Augas de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e o Consorcio de Augas de Valdeorras para a prestación da cooperación financeira necesaria na xestión de determinadas actividades do servizo intermunicipal delegado de depuración de augas residuais na comarca de Valdeorras.
*Aprobación da MOCIÓN PARA A CREACIÓN DUNHA COMISIÓN INFORMATIVA DE CARÁCTER ESPECIAL CUXO OBXECTO SERÁ O ESTUDO DA XESTIÓN DOS PROXECTOS DAREDO E DEPUTRANS, LEVADA A CABO POR ESTA DEPUTACIÓN PROVINCIAL
Acordo:
Crease Comisión Informativa especial axustarase ás seguintes regras:
a) A comisión estará integrada polo presidente, ou deputado no que delegue, e un representante de cada grupo político e de conformidade co establecido no artigo 103.1.b) en relación cos artigos 68 e 66.2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia e 6.1 do Regulamento Orgánico da Deputación a comisión funcionará en réxime de voto ponderado, coa seguinte desagregación:
Presidente: 1 voto
Grupo Popular: 4 votos
Grupo Socialista: 3 votos
BNG: 1 voto
b) A designación dos representantes da comisión corresponderalle a cada grupo político, mediante escrito dirixido á Presidencia polo portavoz de cada grupo, no que se poderán incluír os suplentes que se consideren necesarios.
c) A primeira sesión da comisión será convocada o luns, 30 de setembro e terá lugar o xoves, 3 de outubro. A comisión levará a cabo o seu traballo conforme co calendario de sesións que estableza a propia comisión, debendo rematar o seu labor coa emisión dun ditame no prazo de 1 mes.
d) A comisión poderá solicitar os informes e asesoramentos que considere oportunos, así como acordar a práctica das probas que se estimen pertinentes para o esclarecemento dos feitos.
e) Os empregados públicos ao servizo da Deputación Provincial estarán obrigados a comparecer ante esta comisión co obxecto de prestar declaración se así se lles require.