Méndez Ferrín recibirá o Premio "Otero Pedrayo" o 26 de outubro no Centro Cultural da Deputación de Ourense

Compartir

  • A institución provincial organiza este ano o acto do galardón, cuxo obxectivo é premiar en cada edición "unha contribución eminente á cultura galega".

  • A Consellería de Cultura financia con 15.000 euros o 50% do premio, "un dos máis senlleiros do panorama cultural galego".

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, asinaron un convenio de colaboración entre ámbalas dúas entidades para o Premio "Otero Pedrayo", cuxo obxectivo é recoñecer cada ano "unha contribución eminente á cultura galega". Nesta edición a organización do premio -convocado por cada unha das deputacións de Galicia- correspóndelle á Deputación de Ourense, e terá lugar o vindeiro 26 de outubro no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, sendo o galardoado o escritor e intelectual galego Xosé Luís Méndez Ferrín.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financia cunha achega de 15.000 euros o 50% do premio, "un dos galardóns máis senlleiros do panorama cultural galego, posto que se ven entregando dende o ano 1977".

Trátase dun premio en cuxo outorgamento se atopan implicadas tanto a Xunta de Galicia como as catro deputacións, as tres universidades galegas, o Instituto de Estudos Padre Sarmiento e a Real Academia Galega, ademais de cinco persoas independentes de solvencia científica e literaria. Esta implicación no outorgamento de todas as administracións públicas con relevancia no ámbito cultural e da Real Academia Galega converten o premio no recoñecemento institucional no ámbito cultural de máis alto consenso e relevancia no territorio galego.

O obxecto do premio é perpetuar e honrar a memoria do egrexio home de letras que foi Otero Pedrayo; premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega, e promover os valores propios de Galicia así como as obras que leven ao esclarecemento e a mellora dos seus homes e institucións.

O carácter único deste premio tamén se amosa polos premiados ao longo das súas edicións. Así, entre os personaxes do mundo cultural que o teñen recibido atópanse Carlos Casares, Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego, Trapero Pardo, Manuel María, Uxío Novoneira, Manuel Fraga e as máis importantes institucións no ámbito cultural, como a Real Academia Galega.

Impulsar a figura de Otero Pedrayo

Precisamente, para seguir impulsando a figura de Otero Pedrayo, días pasados o presidente provincial reuniuse na Casa Museo de Trasalba coa directiva da Fundación Otero Pedraio para coñecer en detalle os proxectos e actividades da fundación e para acordar seguir mantendo a colaboración que a Deputación de Ourense ven dando a esta institución para o mantemento da súa actividade, como membro que é do seu padroado.

Na xuntanza, Deputación de Ourense e Fundación Otero Pedrayo concordaron en establecer acordos conxunto que afonden nos aspectos máis salientables da "Ourensanía", "unha liña de traballo cultural acorde coa traxectoria do insigne intelectual que foi don Ramón Otero Pedrayo, cuxa figura é capital na historia de Galicia, pois foi un dos "bos e xenerosos", e os ourensáns temos a obriga de mantelo na esencia da nosa cultura", explicou Manuel Baltar.