Baltar e Besteiro asinarán un convenio co obxectivo de que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade
- O documento, que será asinado antes de que remate o ano, estará aberto a adhesión das administracións local, autonómica e estatal.
- Os presidentes de Ourense e Lugo mantiveron un encontro en Monforte no que acordaron desenvolver un programa de traballo a prol da candidatura, para potenciar a riqueza turística, patrimonial e medioambiental da Ribeira Sacra.
Os presidentes das deputacións de Ourense e Lugo, Manuel Baltar e Xosé Ramón Gómez Besteiro, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo no Parador de Monforte de Lemos na que acordaron a sinatura dun convenio de colaboración entre ámbalas dúas institucións para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade. Baltar e Besteiro afirmaron que este acordo, que se asinará antes de final de ano, estará aberto ás administracións local, autonómica e estatal para desenvolver conxuntamente con elas un plan de traballo para potenciar a riqueza turística, patrimonial, económica e medioambiental desta zona, que conclúa coa esperada declaración de Patrimonio da Humanidade outorgada pola Unesco á Ribeira Sacra.
Baltar e Besteiro lembraron que ámbalas dúas institucións xa aprobaron mocións nos plenos das corporacións provincias de Lugo e Ourense de apoio á candidatura, e concordaron en destacar "o interese peculiar e o longo pero ilusionante camiño que queda por percorrer para acadar este obxectivo conxunto que non é outro que valorizar aínda máis, nacional e internacionalmente, a Ribeira Sacra coa súa designación como Patrimonio da Humanidade", explicou Manuel Baltar.
Baltar destacou que se buscará a implicación do Goberno do Estado, unha vez que a Xunta e os concellos de Lugo e Ourense que abrangue a Ribeira Sacra xa o están, así como as dúas deputacións, "e pola nosa banda tamén poremos a disposición Instituto ourensano de desenvolvemento económico (Inorde) para axudar a promover e difundir as excelencias da Ribeira Sacra".
Xosé Ramón Gómez Besteiro dixo que este é un proxecto "que nos une dende o punto de vista xeográfico e humano", e destacou que esta iniciativa "pon en valor a cultura, a etnografía e o medio natural e servirá para incidir no aspecto demográfico da contorna".
A principios de setembro Manuel Baltar iniciou os contactos para acadar esta distinción, convocando a alcaldes e representantes dos oito concellos da provincia de Ourense que forman parte da Ribeira Sacra: A Peroxa, A Teixeira, Castro Caldelas, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil e Xunqueira de Espadanedo, co obxectivo de retomar unha iniciativa que xa fora proposta na década dos anos 90 do pasado século. "A finalidade –afirma Baltar- é conseguir que este espazo xeográfico teña o recoñecemento internacional que merece pola súa peculiaridade arquitectónica, do patrimonio histórico-artístico, paisaxística, turística e cunha sinalada industria no sector vitivinícola e da castaña".
"Todo serán vantaxes nesta candidatura –engade o presidente ourensán- e co traballo conxunto de todas as administracións tentaremos que a coa cooperación e a colaboración institucional faga posible que academos a formalización da candidatura e que a Unesco lle dea á Ribeira Sacra esa distinción de especial protección, algo que, sen dúbida, servirá de reactivación e dinamización económica para esta contorna e para as provincias de Ourense e Lugo".
Asemade, a Xunta de Galicia apoia a candidatura para declarar á Ribeira Sacra "Patrimonio da Humanidade". Así llo confirmou o conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, ao presidente da Deputación de Ourense na reunión que ámbolos dous mantiveron en Santiago de Compostela. O goberno galego referenda a iniciativa que levaría a este territorio situado entre as provincias de Ourense e Lugo a acadar un pulo turístico, económico e social de relevantes dimensións se, como se pretende, a Unesco declara este espazo Patrimonio da Humanidade.