A Deputación de Ourense inaugura a exposición de Pop Art máis importante de Galicia
- 104 obras dos máis representativos artistas desde movemento, como Warhol, Lichtenstein ou Psaier, pode visitarse ata o 15 de decembro no Centro Cultural "Marcos Valcárcel".
- A mostra, segundo o presidente provincial, Manuel Baltar, "é unha explosión de cores, conceptos e imaxinación que converte en popular a arte".
O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolle dende hoxe e ata o vindeiro 15 de decembro a exposición máis importante de Pop Art en Galicia. "Pure pop art. Fascinación polo trivial" é unha mostra na que se exhiben 104 obras dos máis representativos artistas deste movemento creativo, como Andy Warhol, Roy Lichtenstein, Steve Kaufman, Keith Haring, Robert Rauschenberg, Mel Ramos, Pietro Psaier ou Roberto Indiana.
A presentación da exposición tivo lugar esta mañá no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", na que participou o presidente provincial, Manuel Baltar, xunto á comisaria da mostra, Águeda Quintáns; o director do Centro Cultural, Francisco González, e o representante da empresa MBA, Ignacio López. Baltar destacou que esta exposición "converte estes días ao Centro Cultural nun "mini-MOMA" que acolle unha explosión de cores, conceptos e imaxinación que converten en popular a arte".
O presidente da Deputación subliñou que estamos ante unha das exposicións que, sen dúbidas, máis éxito terá de cantas se exhibiron neste espazo expositivo dada a calidade das obras e a importancia do maior movemento artístico do século XX". Ademáis, o presidente agradeceu a colaboración entre as institucións públicas e privadas que fixo posible traer esta mostra a Ourense, como son á Fundación Cum Laude e a empresa MBA a través da súa fundación.
Pola súa banda, a comisaria da exposición, Águeda Quintáns dixo que os oito artistas que participan na mostra "reflicten unha época con enorme efervescencia social, como foron os anos 60, e amosan tamén o carácter aberto e plural deste arte popular con creacións como os retratos de Marilyn Monroe ou as latas de sopa da marca Campbell's, entre outras moitas".
Francisco González, director do Centro Cultural, destacou a "importante dinamización cultural" que esta mostra conleva "porque permitirá que público de toda Galicia se achegue a Ourense para ver esta exposición que por primeira vez se exhibe na nosa comunidade".
O acto de inauguración da exposición terá lugar esta tarde, ás 20.00 horas, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense.