Baltar salienta a cooperación entre administracións na sinatura do convenio para a construción do Centro Cultural de Verín
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, salientou hoxe "a importancia da cooperación entre as administracións local, provincial e autonómica" no acto de sinatura do convenio de colaboración para a construción do que será o futuro Centro Cultural das Artes de Verín. No acto participaron asemade o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e o alcalde de Verín, Juan Jiménez Morán.
Manuel Baltar dixo que a cultura "debe unirnos" e precisamos un "centro para emocionarnos" como é está infraestrutura cultural. "Non estamos para as institucións, estamos para os cidadáns", subliñou Baltar, quen citou a Losada Diéguez: "O silencio é acompañante do traballo", e ao galeguista de Vilardevós Manuel Núñez González, afirmando que quería unha Galicia que se erguera "coa conciencia dun pobo que sabe cales son os seus deberes". Asemande o presidente provincial citou a García Barbón, Taboada Chivite, Pérez Canellas e Caneiro e tivo referencias na súa alocución ao entroido e ao primeiro libro editado en Galicia: o Misal Auriense, que foi realizado na imprenta do Castelo de Monterrei, en 1494, polos impresores Juan de Porras e Gonzalo Rodríguez de la Pasera.