Baltar saúda a importancia da cooperación institucional para recuperar a emblemática Capela dos Remedios
- Deputación de Ourense, Consellería de Cultura, Concello de Ourense e Diócese de Ourense achegarán en total 400.000 € para a rehabilitación da ermida.
O presidente da Deputación de Ourense destacou hoxe a importancia da cooperación entre administracións e institucións "que fai posible a recuperación dun espazo de referencia na cidade de Ourense como é a capela dos Remedios". O acto de sinatura do convenio de colaboración para a rehabilitación desta destaca ermida santuario tivo lugar hoxe no Bispado de Ourense, un convenio que foi asinado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Diócese de Ourense, a Deputación de Ourense e o Concello de Ourense, co obxectivo de levar a cabo a primeira fase da rehabilitación da capela de Nosa Señora dos Remedios. O acto contou coa presenza, ademais de Manuel Baltar, do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; do alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e do vicario xeral da Diócese de Ourense, José Joaquín Borrajo, en representación do bispo de Ourense.
Manuel Baltar cualificou como "un importante desafío" o feito de podermos chegar ata aquí "todas as administración implicadas neste proxecto para poder dar solución a catástrofe que supuxo o incendio que devastou a capela en xullo do ano 2010". O presidente provincial subliñou que hoxe se materializa "un compromiso coa cidadanía de Ourense" para que este espazo, declarado Ben de Interese Cultural e que forma parte do patrimonio nacional dende 1961, "volva ser un punto de encontro na capital e recupere o seu esplendor polo ben da cidadanía, da cultura e do noso patrimonio artístico-relixioso.
Tanto Baltar como Xesús Vázquez, Agustín Fernández e o representante do Bispado coincidiron en destacar que este proxecto de recuperación da capela é posible grazas á colaboración institucional e a suma de todos os esforzos, tanto por parte das administracións local, provincial e autonómica como tamén por parte da Diócese de Ourense, que achegan entre todas un total de 400.000 euros para as obras de restauración do templo.