A Deputación de Ourense, terceira de España en Transparencia

Compartir

  • A organización Transparency International fixo público o seu informe anual, no que a institución ourensá sobe do posto 37º ao 3º dun total de 45 gobernos provinciais.

A organización non gubernamental Transparency International España ven de facer público hoxe o seu informe anual respecto dos índices de transparencia nos gobernos provinciais, no cal a Deputación de Ourense sitúase no 3º posto de España (cunha puntuación de transparencia de 98,8 puntos sobre 100), só superada por León e Valladolid, dun total de 45 deputacións, cabildos canarios, consells baleares e deputacións forais.

Desta maneira, a Deputación de Ourense –cualificada este ano como "sobresaínte" por Transparency International- pasa do posto 37º que ocupaba o ano pasado (con datos referidos a 2011) ao 3º lugar, o que supón un moi significativo salto en calidade e cantidade dos parámetros de transparencia da institución provincial ourensá.

O Índice de Transparencia das Deputacións (INDIP) 2013 é unha ferramenta para medir e divulgar o nivel de transparencia dos 45 gobernos provinciais. No ano 2012, a Deputación de Ourense acadara o posto 37 cunha puntuación global de 29,2 puntos, estando a media española en 48,6 puntos mentres que a galega situábase en 45,5 puntos. Agora, no ranking global a Deputación de Ourense acada o 3º posto cunha puntuación de 98,8, sendo a media nacional de 69,6 puntos. As outras deputacións de Galicia ocupan os postos 8º (Lugo), 23º (Pontevedra) e 30º (A Coruña). A Deputación de Ourense é a primeira de Galicia e supera a media total da Comunidade, que é de 80,7 puntos.

A Deputación de Ourense acada no ano 2013 o 100 % de puntuación en 5 das 6 áreas avaliadas: "Información sobre a Deputación", "Transparencia económico-financeira", "transparencia nas contratacións de servizos", "Transparencia en materias de servizos e apoio a municipios" e "Indicadores da nova lei de transparencia", mentres que acada 90,9 puntos en "Relacións cos cidadáns e a sociedade".

Firme aposta pola transparencia

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, afirma que estes resultados "confirman a firme aposta do goberno provincial pola transparencia como piar fundamental da acción do noso goberno", e engade que isto "lonxe de deixarnos caer na compracencia serve de pulo para que sigamos a mellorar permanentemente, afondando na transparencia para que a nosa xestión sexa seguida día a día polos cidadáns, que son a que nos debemos e por quen estamos a traballar".

Manuel Baltar adquirira no pleno de maio de 2012 o compromiso de mellorar os resultados co obxectivo de acadar a maior transparencia posible na xestión. Desta maneira, habilitouse no portal web da Deputación de Ourense unha sección especifica denominada "Tranparencia", na que calquera cidadán pode acadar a información relativa a Deputación referida a 80 indicadores específicos, que é actualizada diariamente. A isto hai que engadir a implementación de innovacións tecnolóxicas como a retrasmisión dos plenos en directo e a publicación de todos os acordos, convenios, presupostos, procedementos e servizos da institución provincial, incluída a axenda diaria do presidente da Deputación. Todo elo co obxectivo de achegar máis a Deputación á cidadanía.

Indicadores de transparencia

Estes 80 indicadores reflicten información da Deputación sobre os cargos electos e o persoal, a organización e o patrimonio da Deputación, a estrutura e as normas e institucións provinciais. Tamén se ofrece información económico-financeira (contable, orzamentaria, gastos e ingresos), de contratacións de servizos, relacións con provedores e contratistas, servizos e apoio a municipios (Plan de Obras, xestión tributaria, e asistencia xurídica e técnica aos concellos) e sobre a nova Lei de Transparencia (contratos, subvencións e temas de planificación e organización).

Transparency International España persegue con estes indicadores de transparencia realizar unha avaliación da transparencia nas institucións e impulsar e propiciar un aumento da información que estes entes ofrecen aos cidadáns para conseguir un maior achegamento das deputacións á sociedade, fomentando así o coñecemento de actividades que realizan, especialmente as que atinxen ás prestacións e servizos que desenvolven para os concellos de España.