Declaración dos grupos do PP e do PSdeG-PSOE da Deputación de Ourense no 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres
Hoxe luns, 25 de novembro de 2013, conmemórase o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de xénero.
Os grupos provinciais do PP e PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense temos firmemente asumido que a loita contra a violencia de xénero é una loita a prol dos dereitos humanos e da xustiza social e o noso compromiso é articular unha resposta global fronte a esta lacra en calquera das súas modalidades e consecuencias, a través dunha asistencia integral ás mulleres vítimas, aos seus fillos e fillas e a outras persoas ao seu cargo, así como fortalecendo a prevención para avanzar na paulatina redución da violencia contra as mulleres ata a súa erradicación.
A nova Estratexia Europea para a Igualdade entre Mulleres e Homes 2010-2015, que presenta os compromisos da Comisión Europea nesta materia, reforza inequivocamente a dignidade, integridade das mulleres e o fin da violencia de xénero, a través de un cadro de acción específico.
Pola súa banda, a principios deste mesmo ano, a Comisión da Condición Xurídica e Social da Muller das Nacións Unidas estableceu como tema prioritario de traballo a eliminación e prevención de todas as formas de violencia contra mulleres e nenas.
Seguindo a senda trazada dende o ámbito internacional, o VI Plan Galego para a igualdade entre mulleres e homes: Estratexia 2013-2015, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia ao inicio deste ano, recolle no seu eixo sexto: Acción integral para combater a violencia de xénero, 91 accións dirixidas á súa abordaxe a través dos seguintes obxectivos prioritarios:
1.- Estimular a observación e a investigación para mellorar o coñecemento sobre a problemática da violencia de xénero en todas as súas manifestacións e identificar boas prácticas e novas posibilidades de intervención.
2.-Mellorar a formación das e dos profesionais implicados na prevención, atención e integración das mulleres vítimas de violencia de xénero.
3.- Impulsar a prevención e detección precoz de situacións xeradoras de violencia de xénero en todas as súas formas e ámbitos.
4.- Reforzar a protección e a atención integral das mulleres vítimas de violencia de xénero e das persoas ao seu cargo, a través dunha rede de recursos especializados capaz de xerar unha resposta adecuada ás súas necesidades
5.- Facilitar a integración social e laboral e a independencia económica das mulleres vítimas de violencia de xénero.
6.- Aumentar a coordinación de esforzos públicos en aras dunha maior eficacia e a complementariedade dos recursos destinados a ofrecer unha intervención integral ás mulleres vítimas da violencia de xénero.
7.- Outorgar unha atención integral e específica ás mulleres vítimas da trata de seres humanos, fundamentalmente ás que o son con fins de explotación sexual.
Sabemos que para conseguir resultados contra a violencia de xénero é imprescindible xuntar os esforzos para facerlle fronte, e un ano máis apelamos á unidade de todas as forzas políticas e de todas as Administracións Públicas e á implicación da sociedade no seu conxunto; Dende o PSdeG-PSOE e PP expresamos a nosa solidariedade coas familias das mulleres mortas por esta causa e con todas aquelas que sofren situacións de violencia, de discriminación e de inxustiza polo mero feito de ser mulleres.
Esta é una loita que so podemos gañar, entre todos e todas, en igualdade.