Xornada de portas abertas na Deputación de Ourense para lembrar os 180 anos da historia provincial
- O presidente, Manuel Baltar, participou na primeira visita guiada polo Pazo Provincial explicándolles aos visitantes a historia da institución e a súa organización.
A Deputación de Ourense lembra hoxe os 180 anos de existencia da división do territorio do Estado español nas actuais provincias cunha xornada de portas abertas ao público que comezou ás 10.30 horas e que se prolongará ao longo de todo o día en sesións de mañá e tarde para poder visitar as instalacións do Pazo Provincial e do Centro Cultural "Marcos Valcárcel". O presidente provincial, Manuel Baltar, participou na primeira das visitas guiadas agardando na porta aos primeiros visitantes aos que guiou no seu percorrido polo Pazo Provincial, visitando o despacho do presidente a Sala de Xuntas e o Salón de Plenos da institución provincial.
Manuel Baltar explicoulles aos visitantes a historia da Deputación de Ourense nestes 180 anos de existencia, as peculiaridades e a evolución do edificio que alberga o goberno provincial, así como a estrutura organizativa da Deputación e os servizos que presta a concellos e cidadáns. Posteriormente, no Salón de Plenos, o público asistente puido ocupar os escanos destinados aos deputados e á Presidencia e dende alí facerlle preguntas ao presidente Baltar referidas ao funcionamento do ente provincial.
A xornada prolongarase ao longo do día en horario de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas . Ás 12.00 horas, tivo lugar tamén unha visita guiada no Centro Cultural para visitar a exposición "Pure Pop Art: Fascinación polo trivial".
En lembranza desta efemérides das provincias e como consecuencia da creación da institución da Deputación Provincial como órgano de goberno das mesmas, a Deputación de Ourense editou e está a repartir entre os visitantes e tamén en colexios e institutos da provincia dez mil exemplares do libro "180 anos de historia provincial, 1833-2013", así como 200 exemplares dunha "Guía do profesorado", para apoio das actividades, e outros tantos carteis anunciadores para expoñer nos centros de ensino participantes. O libro recolle a historia do proceso da creación das provincias actuais, do goberno das mesmas e a realidade do goberno provincial presente.