Deputación e Ministerio de Industria impulsan o plan "Transforma Ourense" para favorecer o emprendemento na provincia
- Destinaranse 212.000 euros para o desenvolvemento de iniciativas innovadoras que melloren a competitividade das empresas ourensás e para un programa de bolsas para titulados universitarios.
O Ministerio de Industria e a Deputación de Ourense acordaron hoxe darlle un pulo importante ás pequenas e medianas empresas da provincia de Ourense co desenvolvemento dun importante programa de apoio empresarial, o Plan "Transforma Ourense", que ten como obxectivo mellorar a innovación tecnolóxica das pemes e incrementar a súa competitividade. O presidente provincial, Manuel Baltar, e o director xeral da Fundación Escuela de Organización Industrial, Fernando Bayón, asinaron esta mañá un convenio de colaboración que se materializará na posta en marcha no vindeiro ano 2014 de accións de I+D+i que teñen como finalidade mellorar a competitividade das pemes ourensás para favorecer a creación e consolidación de empresas de base tecnolóxica e potenciar o tecido empresarial ourensán.
O Plan "Transforma Ourense" busca aumentar o potencial innovador das pemes da provincia de Ourense e comprende accións enfocadas ao coñecemento da realidade empresarial e ao estudo das necesidades de cada sector, ademais de estimular o desenvolvemento de ideas empresariais, favorecer o intercambio de material tecnolóxico entre as empresas e axilizar o acceso a toda a información en temas relacionados coa innovación: proxectos, guías de I+D+i e innovación.
O plan conta cun orzamento de 200.000 euros, entre as achegas da Deputación de Ourense e da Escuela de Organización Industrial con cargo ao Programa RISC, que conta co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Energía y Turismo.
Bolsas formativas
Nesta mesma liña de colaboración coa Escuela de Organización Industrial, a Deputación de Ourense, a través do Inorde, ven asinar un convenio para o curso académico 2013-2014 para realizar un programa formativo dirixido a titulados universitarios nacidos en Ourense ou residentes na provincia, unha iniciativa que ten por obxecto potenciar o intercambio de información e a promoción e mellora das condicións económicas e sociais da provincia de Ourense. Articúlase mediante unha serie de máster presenciais de postgrao –en Sevilla ou Madrid- e un Máster Executive on line.
Poderán ser beneficiarios destas axudas para a formación de alto nivel as persoas da provincia que finalizaran os seus estudos universitarios nos últimos cinco anos. As bases da convocatoria favorecerán ás persoas en situación de desemprego. Nesta primeira edición do programa, os alumnos só abonarán o 15% do custe do máster, repartíndose o importe restante entre a Escuela de Organización Industrial que aboará un 30% e o Inorde que contribuirá co restante 55% do importe do programa.
A Escuela de Organización Industrial oferta másters de diferente natureza, entre os que se atopan, dentro da modalidade on line, accións en materias de "Enerxías Renovables", "Dirección de Empresas Turísticas", "Administración e Dirección de Empresas" ou "Dirección de Empresas Industriais e Tecnolóxicas". Na modalidade presencial, destacan os máster en "Enxeñería e Xestión Medioambiental" ou "Enxeñería e Xestión da Auga", entre outros.
No marco deste convenio, a Deputación de Ourense destina un orzamento de 12.000 euros e reafirma o seu compromiso por unha formación de calidade.