A Deputación de Ourense considera unha prioridade a reactivación demográfica da provincia
A Xunta de Goberno da institución aprobou unha proposta do presidente, Manuel Baltar, para que a Área de Benestar elabore un catálogo de actuacións e iniciativas neste ámbito.
A Deputación solicitou tamén a colaboración da Universidade de Vigo e do Parlamento de Galicia para levar a cabo estudos e investigación cara a un plan de reactivación demográfica.
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou unha proposta do presidente da institución provincial para levar a cabo iniciativas que permitan analizar a situación demográfica na provincia de Ourense e elaborar iniciativas e estratexias para traballar dende todos os ámbitos no problema demográfico e adoptar así as mellores decisións públicas posibles.
Neste marco operativo, a Área de Benestar desta Deputación elaborará un catálogo de actuacións que sitúen na axenda política a reacción ante esta problemática. Do mesmo xeito disporase que formen parte tamén das análises que realiza o Observatorio Económico Ourensá as cuestións e estudios poboacionais correspondentes para coñecer con exactitude a situación actual e as previsións e proxeccións de futuro no ámbito demográfico.
O envellecemento e a dispersión son características da poboación de Ourense. O descenso do número de habitantes é unha tendencia consolidada nas últimas décadas e as proxeccións futuras acreditan que o gran problema de Ourense é o demográfico. "Factores emigratorios no século pasado e a baixa natalidade existente, aínda tendo en conta a alta esperanza de vida dos ourensáns, son causas claras dun escenario que urxe a actuación determinante da sociedade e sinaladamente das administracións públicas", afirma Manuel Baltar, quen considera que estamos a falar "dun tema que constitúe unha prioridade na acción política e que supera o horizonte temporal dunha lexislatura, para converterse nun eixo de actuación obrigado durante xeracións".
Consciente desta situación, a proposta do presidente, o goberno provincial asume o protagonismo de reaccionar ante unha situación demográfica que esixe unha programada e razonada estratexia para adoptar as mellores decisións públicas. O presidente informou a Xunta de Goberno que xa trasladou esta información ao reitor da Universidade de Vigo para que, no Campus de Ourense, froito da colaboración que lle presta a Deputacion no convenio anual correspondente ao exercicio 2014, teña protagonismo a demografía ourensá na forma que se determine, ben sexa mediante estudios, investigacións ou cursos que permitan avaliar en profundidade esta problemática.
Manuel Baltar tamén se dirixiu á presidenta do Parlamento de Galicia para que lle sexan facilitados os traballos que na pasada lexislatura desenvolveu a comisión non permanente para a elaboración dun plan de revitalización demográfica.
O goberno provincial de Ourense amosa a súa dispoñibilidade a escoitar calquera suxestión e plantexamento que axude a configurar un posicionamento certo para loitar contra esta tendencia fatal para os intereses presentes e futuros da provincia. Nesa dirección o presidente anuncia tamén que na web da institución figurará unha canle especifica de comunicación cos cidadáns para facilitar a recollida das súas achegas e compartir toda a información posible.
Tamén anunciou Baltar a creación dunhas xornadas de carácter anual para estudar esta temática, "onde poidan xurdir conclusións e propostas concretas que amosen a andaina que debemos iniciar para a recuperación demográfica", afirma o presidente provincial.