Deputación, Ministerio de Fomento e Xunta potencian as rutas turísticas en tren pola provincia de Ourense

Compartir

  • Hoxe presentouse en Fitur o programa "Galicia a todo tren", que inclúe percorridos culturais, históricos e enolóxicos.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a ministra de Fomento, Ana Pastor, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, visitaron hoxe na Feira Internacional de Turismo (Fitur) o stand da provincia de Ourense e afirmaron que ámbalas dúas institucións colaborarán conxuntamente para potenciar as rutas turísticas en tren pola provincia de Ourense así como as estacións de trens, co obxectivo de atraer turismo e promover as rutas e visitas de ámbito cultural, histórico e enolóxico pola provincia de Ourense.

A campaña que hoxe se presentou en Fitur, denominada "Galicia a todo tren" inclúe na provincia de Ourense unha serie de programas que se desenvolverán ao longo do ano 2014, dentro do convenio marco asinado entre a Axencia Turismo de Galicia e Renfe en colaboración co Inorde, que contemplan: rutas de trens turísticos dun día, Rail Pass, Peregrinación de Asís a Compostela, Train and Breakfast Camino de santiago e Al-Andalus.

Polo que atinxe á provincia de Ourense haberá cinco "Trens turísticos do viño" con rutas referidas aos viños de Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras. Estas rutas inclúen traxectos en ferrocarril, traslados en autocar e diversas visitas programadas, ademais de contar con menús concertados con importantes descontos nas distintas poboacións que se visitan nos percorridos turísticos.

Outra modalidade que inclúe o programa son pack de fin de semana que combina rutas de trens turísticos dun día con noite de hote, tendo como cidades de pernoctación Ourense, Santiago e A Coruña. Ademais, en Ourense a oferta hotelera inclúe a opción termal con vista a balnearios para realizar tratamentos termais.