Deputación de Ourense e Concello de Celanova ultiman os preparativos de "Raigame 2014"

Compartir

Un ano máis Vilanova dos Infantes converterase na capital da cultura galega coa celebración da tradicional romaría etnográfica "Raigame", que se celebrará o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, no que Galicia celebra a súa gran festa da cultura. A Deputación de Ourense e o Concello de Celanova están a ultimar os preparativos deste evento, para o cal mantiveron unha reunión o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro, e a responsable do Centro de Cultura Popular "Xaquín Lourenzo", Mariló Fernández Senra.

Este ano o protagonismo será para os artesáns e os centros etnográficos da provincia de Ourense, nunha xornada na que Vilanova dos Infantes acollerá a milleiros de visitantes de toda Galicia, o vindeiro 17 de maio, coa 13ª edición de Raigame.

Esta celebración de exaltación das tradicións, declarada "Festa de Interese Turístico de Galicia", reúne cada ano ao redor da torre e do burgo medieval de Vilanova dos Infantes a milleiros de persoas que se achegan "para realizar a súa particular viaxe no tempo, que nos permite lembrar pero tamén potenciar as tradicións dos gremios e artesáns galegos doutros tempos, e tamén fornecer a nosa cultura con maiúsculas, integrada polo noso idioma e a nosa etnografía", afirma Manuel Baltar.

A celebración de "Raigame" enmárcase dentro do proxecto de posta en valor do núcleo medieval de Vilanova dos Infantes, como un elemento máis do potencial turístico-cultural que oferta Celanova dentro do programa "Celanova, un paseo pola historia de Galicia", que pretende dar a coñecer os momentos máis importantes da historia de Galicia.