Primeiro concurso escolar sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia, convocado pola Deputación de Ourense
- A presentación de traballos, artísticos e literarios, remata o 28 de marzo, e o ditame farase público o día 3 de abril.
A Deputación de Ourense ven de convocar o I Concurso escolar sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia, no que poderán participar neste os alumnos dos niveis educativos de infantil, primaria e ensino secundario obligatorio, de centros de ensino xeral tanto públicos coma concertados e privados da provincia de Ourense.
As bases foron publicadas onte no Boletín Oficial da Provincia número 57, 11 de marzo de 2013 e segundo as mesmas, os alumnos de educación infantil e primaria presentarán un debuxo ou traballo artístico que deberá facer referencia ao tema do concurso. O traballo será presentado nun folio ou cartolina en branco, tamaño A4, non terá relevos e a técnica para empregar será opcional.
Por outra banda, os alumnos de ensino secundario obrigatorio deberán presentar unha redacción sobre o Estatuto de Autonomía, cunha extensión mínima de sete folios e máxima de doce, escrita en galego, á man ou en ordenador, por unha soa cara e a dobre espazo. Se o traballo se fai en ordenador, o tipo e tamaño de letra serán Arial 12. O traballo literario poderá ser ampliado ou complementado con fotografías, recortes de prensa, etcétera.
Os traballos poderán presentarse tamén en soporte electrónico cunha tecnoloxía que permita a súa visualización cun navegador estándar ou a súa execución nun medio windows. O autor poderá entregar un CD/DVD coas aplicacións reinstaladas que permitan a visualización sen ningún tipo de instalación en disco.
Os traballos presentaranse na Deputación de Ourense antes das 14.00 horas do día 28 de marzo, e o ditame farase público o día 3 de abril.
En canto aos premios, en Educación infantil e Primaria os 3 mellores debuxos, de cada un dos niveis educativos, serán premiados cun diploma, unha colección de libros e material audiovisual. En Secundaria premiaranse un total de 3 alumnos cun diploma, unha colección de libros e material audiovisual.
As bases do concurso poden consultarse na web da Deputación de Ourense, no seguinte apartado:
https://bop.depourense.es/portal/descargarPdf.do?numBoletin=57&fecha=20140311