A Deputación de Ourense convoca axudas para a realización de festivais e ciclos no ano 2014
A Deputación de Ourense ven de convocar unha líña de axudas para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas, correspondentes ao exercicio 2014. As bases publicáronse no B.O.P. nº 65 de hoxe xoves, 20 de marzo. Esta convocatoria de axudas, que ten unha dotación económica de 80.000 euros, enmárcase dentro da liña de acción do fomento da cultura contemplada no Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación Provincial de Ourense e do INORDE para o exercicio 2014.
O obxecto desta convocatoria é a regulación da tramitación e concesión, por parte da Deputación Provincial de Ourense, de subvencións para o financiamento de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas relacionadas coas artes escénicas e musicais promovidos por persoas físicas ou xurídicas, que se desenvolvan integramente na provincia de Ourense e que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2014, mediante convocatoria pública e a través do procedemento de concorrencia competitiva. Ata o vindeiro 21 de abril estará aberto o prazo de solicitudes.
Con esta convocatoria, a Deputación de Ourense completa as súas liñas de axuda ás actividades culturais que se levan a cabo na provincia de Ourense. A dotación total das axudas que o goberno provincial prestará en 2014 ascenden a 350.000 euros, que se reparten do seguinte xeito: 150.000 euros para a organización de actividades culturais e recreativas, 120.000 euros para o fomento das actividades escénicas e musicais, e 80.000 euros para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas.