Réxime electoral, reformas legais e servizos conxuntos centran a segunda xornada de debate da Conferencia de presidentes provinciais

Compartir

  • A proposta de Manuel Baltar de reformar o réxime electoral para evitar a desafección cidadá ante os gobernos provinciais foi un dos temas que máis debate suscitou na sesión de hoxe, xunto coa nova lei de Administración local.

  • Os presidentes provinciais de Badaxoz, Cuenca e Soria expuxeron relatorios referidos ao papel da deputación como "concello de concellos", a xestión cultural e deportiva e os novos retos que afrontan os gobernos provinciais en materia de medio rural, emprego e desenvolvemento económico.

Modificar o réxime electoral para que os deputados sexan elixidos directamente polos cidadáns, a nova lei de Administración Local, a prestación conxunta de servizos a concellos e a cooperación entre deputacións foron os temas de debate na segunda xornada da Conferencia de presidentes de gobernos provinciais de España, que reúne en Ourense a preto de trinta responsables de gobernos provinciais co obxectivo de debater sobre o futuro destas administracións e propoñer accións que favorezan a cooperación entre elas.

Nesta segunda xornada, que se desenvolve no Hotel Balneario de Laias Caldaria (Cenlle), o relatorio de Manuel Baltar sobre a reforma do réxime electoral para evitar a desafección cidadá ante os gobernos provinciais foi un dos temas que máis debate suscitou, xunto coa análise da nova lei de Administración local. Asemade, os presidentes provinciais de Badaxoz, Cuenca e Soria expuxeron relatorios referidos ao papel da deputación como "concello de concellos", a xestión cultural e deportiva e os novos retos que afrontan os gobernos provinciais en materia de medio rural, emprego e desenvolvemento económico.

Baltar explicou que as deputacións "necesitan gañar en achegamento ao cidadán, e para acadar ese obxectivo existe un camiño que é modificar o réxime electoral para que os veciños sintan "seus" non só o goberno provincial senón tamén o conxunto dos membros da corporación". Entende o presidente provincial de Ourense que as deputacións "son os únicos gobernos locais intermedios de España non elixidos directamente polos cidadáns, unha excepcionalidade que é un verdadeiro talón de Aquiles, unha anomalía democrática" que propón corrixir coa celebración das "eleccións provinciais" das que sairían os integrantes da corporación provincial.

Cooperación e colaboración

Tamén a Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local foi obxecto de debate hoxe, analizándose o novo papel das deputacións como prestadoras de servizos directos, así como entidade de cooperación, colaboración e, en moitos casos, supervisión da actividade municipal. Un novo marco de cooperación que dende o pasado 1 de xaneiro –coa entrada en vigor da lei- crea un novo escenario no que os gobernos provinciais teñen a oportunidade de demostrar aos cidadáns a súa utilidade e necesidade como institucións prestadoras de servizos, principalmente aos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Os presidentes provinciais debateron tamén sobre o carácter da provincia como plataforma de articulación do territorio, que presta os medios necesarios para que sexa efectiva a "solidariedade interterritorial", servindo de ponte para a canalización de axudas e proxectos doutras administracións, e neste senso, afondou o presidente da Deputación de Cuenta, Benjamín Prieto, ao referirse no seu relatorio á deputación como "concello de concellos", "un sistema de xestión que lle aporta aos gobernos provinciais un importante papel dinamizador e coordinador mediante a concentración de servizos entre os distintos municipios das nosas provincias".

Benjamín Prieto fixo un repaso histórico e da realidade actual do minifundismo municipal e dos problemas que plantexa a idea de fusión, que el orientou cara a unha fusión na prestación de servizos por parte da deputación, que debe converterse deste modo no "Concello dos concellos", afirmación na que coincide con Manuel Baltar. "Temos que traballar por ese obxectivo –dixo- porque esta é unha fórmula de equidade eficaz neste momento de transformación histórica que nos toca vivir".

Pola súa banda, o presidente provincial de Soria, Antonio Padilla, dixo que as administracións locais, "aínda sendo pequenos puntos no mapa, cumpren perfectamente coas premisas coas que naceron: ser un elemento vertebrador e integrador da provincia, e subliñou a necesidade de aplicar políticas diferenciadoras no ámbito fiscal e económico que doten e cubran as necesidades e peculiaridades das provincias". Tamén dixo que se necesita habilitar mecanismos de reparto dos fondos procedentes da Administración do Estado "baseados en indicadores nos que se teñan en conta non só a poboación senón tamén o financiamento especial para aquelas provincias cun claro risco de despoboación".

A reivindicación histórica e de futuro da deputación foi outro dos eixes do debate, onde se analizou a singularidade das provincias e a posibilidade de atopar fórmulas de cooperación e de uniformidade entre as deputacións no marco dunha planificación territorial, pois "o nivel provincial –entenden- debe ser o instrumento ordinario e natural de articulación". Os presidentes provinciais tamén concordaron na necesidade de darlle continuidade a este primeiro encontro que ten lugar en Ourense, para seguir debatendo no futuro sobre a realidade provincial e as súas potencialidades.

Finalmente, a unanimidade dos presidentes destacou á hora de facer fronte común en defensa de competencias e financiamento no ámbito da nova lei de Administración Local, e tamén se puxo sobre a mesa a idea de unificar criterios para prestar servizos en igualdade de condicións os cidadáns nas distintas provincias.

Na sesión da tarde os presidente traballaron na elaboración da declaración institucional conxunta que mañá se dará a coñecer na sesión de clausura da conferencia -que terá lugar no Teatro Principal de Ourense-; coñeceron o Plan Provincial Termal de Ourense, da man do relator Mario Crecente e remataron a xornada no Pazo de Vilamarín onde visitaron a exposición permanente do pintor Xaime Quessada.