O presidente da Deputación de Ourense reúnese co Consello de Administración do COB

Compartir

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado do asesor de Deportes da institución provincial, Bernardino González, recibiu hoxe no seu despacho do Pazo Provincial o Consello de Administración do Club Ourense Baloncesto Sociedade Anónima Deportiva (COB), encabezado polo seu presidente, Antonio Gavilanes, acompañado polos membros da súa xunta directiva: Camilo Álvarez, Marcos Ríos, Julio Vázquez e Santiago Salgado. Baltar amosoulles o agradecemento da institución provincial polo esforzo e labor levados a cabo esta tempada, na que o club conseguiu manter a categoría na LEB Ouro, o que supuña un importante reto no ámbito deportivo, e manifestoulles o apoio da Deputación tanto na súa condición de goberno provincial como de accionista desta sociedade anónima deportiva.

Asemade, Manuel Baltar informou o Consello de Administración da inclusión, como subvención nominativa este ano, dunha axuda para o club por importe de 216.000 euros, e na reunión comentouse tamén que o Concello de Ourense non está a cumprir os seus compromisos para co COB. Neste senso, dende a Deputación manifestóuselle o Consello de Administración que esta situación debería mudar, pois tanto a Deputación como o Concello de Ourense son accionistas do club na mesma porcentaxe, e que debería haber unha proporcionalidade nas achegas que fan ámbalas dúas institucións. Os xestores do COB están á espera de ser recibidos polo alcalde de Ourense pero expresaron que esta é unha situación que debe ser clarexada canto antes se se pretende que o COB participe na mesma categoría na vindeira campaña.

Finalmente, o presidente da Deputación e os directivos do COB abordaron cuestións relativas a temas organizativos do club e o traballo que se está a facer coa canteira e a política de base.