Baltar destaca a capacidade "emprendedora e de imaxinación" das terras do Ribeiro, na presentación das 3ª Xornadas da Ruta do Viño

Compartir

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe a capacidade "emprededora e de imaxinación" das xentes das terras do Ribeiro, "quen ao longo dos séculos lograron situar a un dos mellores viños de España no lugar que merece por calidade e prestixio". Baltar fixo estas declaración na presentación que tivo lugar hoxe no centro de exposicións "José Ángel Valente", de Ourense, da "3ª Xornada de portas abertas da ruta do viño do Ribeiro", acto que contou tamén coa presenza do alcalde de Ourense, Agustín Fernández; o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e o presidente do Consello Regulador do Ribeiro, Miguel Ángel Viso.

Estas xornadas teñen como obxectivo promover o enoturismo e toda a cultura asociada o viño. Para elo organízanse xornadas en cada unha das denominacións de orixe: o día 31 de maio nas Rias Baixas, o 1 de xuño no Ribeiro, e o 7 e 8 de xuño en Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras, organziadas por Turismo de Galicia, para poñer en valor os produtos, contornas e actividades relacionadas co mundo do viño en Galicia.

Manuel Baltar destacou que O Ribeiro "é a segunda denominación de orixe máis potente de España e unha das catro que temos en Ourense", e felicitou ao Consello Regulador do Ribeiro "polos éxitos acadados na pasada Feira do Viño do Ribeiro, que son froito da profesionalización, o esforzo e o traballo de moita xente que quere e cre neste importante sector como é o do viño", que no Ribeiro conta con 110 adegas acollidas a esta denominación de orixe.

O presidente provincial lembrou que da cooperación é de onde xurden os proxectos, a competitividade e os bos resultados empresariais, e citou como exemplo o Plan Termal que está a impulsar a Deputación de Ourense da man da colaboración entre a iniciativa pública e privada.