A Deputación intensifica a súa colaboración co Rally de Ourense, o evento deportivo máis importante da provincia

Compartir

A Deputación de Ourense intensifica este ano a súa colaboración co Rally de Ourense, achegando para esta edición unha partida de 36.000 euros para a organización e desenvolvemento do Rally de Ourense, "o evento deportivo máis importante da nosa provincia", como o cualificou hoxe o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, no acto de presentación da 47ª edición desta proba automobilística nacional, que tivo lugar na contorna das Burgas. Baltar asegurou que nos orzamentos da institución provincial para 2015 verase incrementada aínda máis a achega económica para esta proba.

Manuel Baltar destacou que o Rally de Ourense "e xa algo máis que unha proba automobilística pois vai máis aló o deportivo para abranguer tamén aspectos sociais, de convivencia, turísticos e culturais da nosa provincia; é o gran escaparate para vender Ourense, a nosa Ribeira Sacra e as demais comarcas", e subliñou que o rally "é un obxectivo prioritario para o goberno provincial para promocionar a nosa provincia, tendo sempre presente a palabra "cooperación" pois é a que nos axuda a impulsar iniciativas tan exitosas como esta".

O 47º Rally Ourense-Ourense Termal, na que colaboran máis de 400 persoas, é unha proba válida para o Campionato de España de Rallys de Asfalto. Disputarase os días 13 e 14 de xuño. O acto de presentación, no que se deu a coñecer o percorrido da proba así como o cartel oficial, contou coa presenza, ademais do presidente da Deputación, do alcalde de Ourense, do presidente da Real Federación Española de Automovilismo, do secretario xeral para o deporte, dos alcaldes cos concellos polos que discorre a proba, do presidente da CEO, do presidente de Escudería Ourense e membros do comité organizador.