Acordos do pleno ordinario da Deputación de Ourense de data 27 de xuño de 2014:

Compartir

APROBACIÓN DE CAMBIO DE DATA DO PLENO DO MES DE XULLO

Acordo:

O Pleno Ordinario do vindeiro mes celebrarase o día 29 de xullo, martes as 11h.

APROBACIÓN DA ORDENANZA DE TRANSPARENCIA, ACCESO E REUTILIZACIÓN DA INFORMACIÓN DO SECTOR PÚBLICO PROVINCIAL DE OURENSE

Acordo:

Aprobar inicialmente a Ordenanza de transparencia, acceso e reutilización da información do sector público provincial e someter a información pública o acordo de aprobación inicial, mediante anuncio inserido no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de edictos da Corporación, por prazo de trinta días hábiles. Durante o dito prazo, os interesados poderán formular as alegacións ou suxestión que consideren oportunas, as cales serán obxecto de resolución expresa polo Pleno da Corporación. En caso de non formularse alegacións ou suxestións en prazo, entenderase elevado a definitivo o acordo de aprobación inicial.

ACEPTAR A DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DAS FACULTADES QUE O CONCELLO DE TOÉN TEN ATRIBUÍDAS EN MATERIA DE RECADACIÓN DE GASTOS DERIVADOS DA EXECUCIÓN FORZOSA

Acordo:

Aceptar a delegación nesta Deputación Provincial das facultades que o Concello de Toén ten atribuídas en materia de recadación de gastos derivados da aplicación de calquera dos medios de execución forzosa de acordos municipais previstos no artigo 96 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ao abeiro do establecido no artigo 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e artigo 7 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, co alcance, contido, condicións e vixencia que se establecen no acordo do Pleno do dito concello do día 29 de maio de 2014. A dita delegación rexerase polas condicións xerais establecidas pola Deputación Provincial para a delegación de competencias nesta materia.

APROBACIÓN DA MODIFICACIÓN DA BASE 74ª DAS BASES DE EXECUCIÓN DO ORZAMENTO

Acordo:

Aprobar inicialmente a modificación da base 74ª das de execución do orzamento, con efectos do 1 de xaneiro de 2014, co seguinte contido:

Engádese un apartado c) co texto seguinte: c) Asistencia por participación noutros órganos colexiados.

Os membros do Consello Asesor de Publicacións, das comisións de valoración en concursos de subvencións, dos comités de expertos e mesas de contratación que non teñan a condición de empregados públicos provinciais terán dereito a percibir por cada sesión as mesmas contías establecidas, conforme co Real decreto 462/2001, do 24 de maio, para os membros de tribunais e concursos da categoría primeira, así como as correspondentes indemnizacións por gastos de locomoción.

Os empregados públicos provinciais terán dereito a percepción das ditas indemnizacións cando por razóns xustificadas as sesións dos órganos colexiados en que participen se realicen fóra da xornada laboral.

Segundo: O presente acordo someterase a información pública mediante anuncio publicado no BOP, polo prazo de 15 días hábiles, durante os cales os interesados poderán formula-las alegacións que consideren oportunas. Unha vez transcorrido o prazo sinalado sen efectuarse reclamacións, o acordo entenderase definitivamente aprobado, procedéndose á súa publicación no BOP para a súa entrada en vigor. No caso de formularse alegacións ou reclamacións, estas serán resoltas polo Pleno.

APROBACIÓN DA MODIFICACIÓN DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL DO EXERCICIO 2014, RELATIVA ÁS OBRAS MUNICIPAIS DOS CONCELLOS DA POBRA DE TRIVES E O IRIXO

Acordo:

Acordar a modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2014 relativa ás obras municipais dos concellos de:

Pobra de Trives, minorando en 20.000,00 € o orzamento consignado para a execución da obra "Pavimentación rúas de A Pobra de Trives FASE II", fixando o dito orzamento na cantidade de 45.000,00 € e destinando ata un máximo de 5.000 € á contratación dos servizos complementarios de redacción de proxecto, dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde da dita actuación

O Irixo, incrementando, mediante achega municipal, na cantidade de 20.000,00 € o orzamento consignado para a execución da obra "Rexeneración firmes rede viaria municipal", fixando o dito orzamento na cantidade de 70.000,00 €.

APROBACIÓN DA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DAS TAXAS DO SERVIZO INTERMUNICIPAL DELEGADO DE RECOLLIDA, TRATAMENTO E ELIMINACIÓN DE RESIDUOS SÓLIDOS URBANOS E DOS PUNTOS LIMPOS DA PROVINCIA DE OURENSE

Acordo:

Aprobar inicialmente a Ordenanza fiscal reguladora das taxas do servizo intermunicipal delegado de recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos e dos puntos limpos da provincia de Ourense.

Someter a información pública, mediante anuncio insertado no Boletín Oficial da Provincia, no taboleiro de edictos da Corporación Provincial e nun diario dos de maior difusión da provincia, o acordo inicialmente aprobado polo prazo de 30 días hábiles.

Durante o dito prazo os interesados poden formular reclamacións e alegacións á Ordenanza fiscal inicialmente aprobada as cales serán obxecto de resolución expresa por parte do Pleno. No caso de que non se presente reclamacións entenderase definitivamente adoptado o acordo ata entón provisional sen necesidade de acordo plenario.

DELEGACIÓN NA XUNTA DE GOBERNO DO EXERCICIO DE COMPETENCIA PARA A FIXACIÓN DOS PREZOS PÚBLICOS POLOS SERVIZOS DE ACTIVIDADES CULTURAIS, DEPORTIVAS, EDUCATIVAS E DE OCUPACIÓN DO TEMPO LIBRE PROMOVIDAS POLA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE

Acordo:

Delegar na Xunta de Goberno da Deputación o exercicio da competencia para a fixación dos prezos públicos polos servizos de actividades culturais, deportivas, educativas e de ocupación do tempo libre promovidas pola Deputación Provincial de Ourense.

A presente delegación de competencias terá efectos a partir do día da data, sen prexuízo da súa publicación no BOP.

O presente acordo publicarase no BOP para xeral coñecemento.

APROBACIÓN DA MOCIÓN SOBRE A IMPLEMENTACIÓN DUN PLAN DE APOIO Á ALIMENTACIÓN INFANTIL

Acordo:

Instar á Xunta de Galicia a poñer en marcha, de maneira inmediata, un Plan de Apoio á Alimentación Infantil". E que este plan conteña as medidas e recursos suficientes para garantir que as familias con menores ao seu cargo, que se atopen en situación de necesidade, teñan cubertas as súas necesidades de alimentación para evitar problemas de mala nutrición infantil. Para elo habilitaranse todos os medios a disposición das administracións públicas, en colaboración coas entidades do terceiro sector

Instar ó Goberno da Xunta de Galicia a fin de que este plan inclúa os mecanismos e actuacións necesarias para que, dende a finalización do curso no mes de xuño de 2014, estean dispoñibles servizos de comedor infantil nos centros escolares.

APROBACIÓN DA MOCIÓN RESPECTO DO EDIFICIO DA RÚA MONTERREI

Acordo:

Que por parte da Deputación de Ourense, e no marco da comisión de patrimonio, se aborde esta cuestión co propósito de que por parte do diferentes grupos poidan presentar ideas e iniciativas a fin de elaborar un proxecto construtivo para levar a cabo no solar.