Baltar consegue que Fomento abra un novo período de información pública para a A-76 no tramo da Penalba

Compartir

  • O prazo abrirase unha vez que se liciten os dous tramos pendentes que existen na provincia de Ourense para non retrasar a obra.

  • Na reunión que mantivo hoxe en Madrid o presidente provincial acadou tamén o compromiso de Fomento para que as vías provinciais afectadas polas obras do AVE sexan reparadas.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe en Madrid co secretario de Estado de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Rafael Catalá, de quen conseguiu o compromiso para que se abra un novo período de información pública para o tramo da A-76 ao seu paso por Penalba (Nogueira de Ramuín), tal e como solicitaban os veciños desta localidade, coa finalidade de que os interesados que o desexen poidan presentar as alegacións que estimen oportunas ao trazado.

No acordo plenario da Corporación provincial do pasado mes de abril solicitábase ao Ministerio de Fomento que reiniciara unha nova información pública "cun trazado definitivo, claro e único, antes de comezar a redacción dos proxectos de trazado e construtivos", co obxectivo de que os administrados "dispoñan dun período de alegacións tanto para o trazado como para os aspectos medioambientais". Desta maneira, Manuel Baltar acadou hoxe o devandito acordo por parte do secretario de Estado de Infraestruturas para que se abra o novo período de información pública, apertura que terá lugar unha vez que se liciten os dous tramos pendentes que existen na provincia de Ourense, para non retrasar a obra.

O presidente do goberno provincial amosouse satisfeito polo acordo acadado e agradeceu ao Ministerio de Fomento a súa sensibilidade cos veciños de Penalba, un interese que Fomento fai tamén extensivo a ter en conta as peculiaridades paisaxísticas, ambientais, culturais e económicas que engloba a candidatura da "Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade".

Asemade, Manuel Baltar trasladoulle ao secretario de Estado de Infraestruturas as preocupacións de varios concellos da provincia en relación aos danos ocasionados nas estradas polas obras do AVE, acadando, neste senso, o compromiso de Fomento de arranxar as vías provincias danadas. O ministerio garantiulle ao presidente ourensán que, unha vez rematadas as obras do tren de alta velocidade, as estradas afectadas polos traballos de construción do AVE serán reparadas para que volvan á súa situación orixinaria.

Así, Baltar e Catalá acordaron que no vindeiro mes de setembro técnicos provinciais e de Fomento manterán unha xuntanza de traballo cos alcaldes dos concellos afectados polas obras do AVE co fin de avaliar os danos.

Outro dos puntos tratados na reunión de hoxe en Madrid foi o referido á estación do AVE na Gudiña, infraestrutura que Manuel Baltar xustificou como "importante e necesaria" e pediu tanto a Rafael Catalá como aos técnicos de ADIF que se respectara a xa planificada estación do AVE nesta localidade. A axenda da reunión completouse co análise da situación actual das obras do AVE na provincia de Ourense e da integración da alta velocidade na capital ourensá.