A Deputación de Ourense asumirá a renovación tecnolóxica do Consello Regulador da D.O. Ribeiro

Compartir

Ourense, 15 de outubro de 2014.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial a visita do presidente e do xerente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Miguel Ángel Viso e Roberto Goñi, respectivamente, con quen analizou temas relativos á colaboración entre as dúas institucións, especialmente no que atinxe a tecnoloxía e infraestruturas. En concreto, acordouse que a Deputación de Ourense asumirá a renovación tecnolóxica do Consello Regulador do Ribeiro, e o goberno provincial tamén colaborará nos gastos de acondicionamento da nova sede do consello. Asemade, na xuntanza, Viso e Goñi presentáronlle a Manuel Baltar o Plan estratéxico da denominación de orixe Ribeiro, que inclúe actuacións para o período 2014-2016 de desenvolvemento de negocio no ámbito nacional e un plan de internacionalización. Tralo encontro, Manuel Baltar destacou "o xiro profesional que deu a denominación de orixe Ribeiro nesta nova etapa".