O pleno de decembro aproba o Programa de cooperación cos concellos para limpeza de marxes de redes viarias 2015

Compartir

  • Para esta actuación a Deputación de Ourense destina un importe de 360.000 euros.

Ourense, 29 de decembro de 2014.- O pleno de decembro da Deputación de Ourense celebrado hoxe adoptou, entre outros acordos, a aprobación das bases reguladoras do Programa provincial de cooperación cos concellos para a realización de actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipais e provinciais durante o exercicio 2015, para o que a institución provincia destina un total de 360.000 euros.

Neste senso, o pleno aprobou inicialmente as bases reguladoras deste programa, cuxas bases teñen como obxecto bases a regulación da concesión de subvencións a concellos e mancomunidades da provincia de Ourense para o financiamento da prestación de servizos de limpeza da rede viaria local durante un período mínimo de tres meses.

A finalidade da subvención é colaborar economicamente cos concellos e mancomunidades no sostemento do servizo público de limpeza da rede viaria municipal. Esta colaboración condiciónase a que por parte dos concellos e mancomunidades se realicen labores de limpeza das marxes das vías provinciais e municipais, co obxectivo último de garantir o mantemento das vías en condicións axeitadas de limpeza e seguridade, dándolle ademais cumprimento ao establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas no presente Programa provincial de cooperación aqueles concellos de menos de 20.000 habitantes e mancomunidades que cumpran os requisitos establecidos nas bases. A contía das subvencións que se concedan ao abeiro deste Programa de cooperación será para o exercicio 2015 de 4.500 € como máximo, con destino ao financiamento dos gastos subvencionables de prestación do servizo.

OUTROS ACORDOS DO PLENO FORON OS SEGUINTES:

TOMA DE POSESIÓN AO CARGO DE DEPUTADO PROVINCIAL DE D. ÁLVARO VILA ARAÚJO, EN SUSTITUCIÓN DE D. JOSÉ VICTOR GONZÁLEZ VÁZQUEZ.

MODIFICACIÓN DO ACORDO DO PLENO DO 31 DE OUTUBRO DE 2014, SOBRE RATIFICACIÓN DA MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS DO CONSORCIO DO CENTRO ASOCIADO DA UNED, PARA A SÚA ADAPTACIÓN Á LEI DE RACIONALIZACIÓN E SOSTIBILIDADE DA ADMINISTRACIÓN LOCAL E Á LEI DE RACIONALIZACIÓN DO SECTOR PÚBLICO.

Acordo:

Aceptar a introdución no acordo de modificación dos estatutos do Consorcio do Centro Asociado da UNED de Ourense, adoptado polo Padroado do Consorcio o 16 de outubro de 2014, ratificado polo Pleno da Deputación o 31 de outubro, dos seguintes cambios propostos polo reitorado da UNED:

A.- No artigo 5 modifícase o domicilio social do Consorcio, que pasa a establecerse no "Edificio sito na r/ Torres do Pino, s/n, 32001 Ourense", manténdose idéntica a redacción do resto do artigo.

B.- Suprímese o artigo 13bis introducido na modificación, e substitúese por un novo apartado 1 no artigo 14, coa seguinte redacción:

1. O réxime de orzamentación, contabilidade e control de Centro Asociado á UNED de Ourense, será o aplicable á administración pública á que está adscrito, sen prexuízo da súa suxeición ao previsto na Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira. En todo caso, levarase a cabo unha auditoría das contas anuais que será responsabilidade do órgano de control da administración á que se adscribe o centro, formará parte dos seus orzamentos e deberá incluírse na conta xeral da administración pública de adscrición, sen prexuízo do réxime de xestión que poida establecer a Xunta Reitora.

C.- Suprímese o artigo 17bis dos estatutos modificados e dás nova redacción ao artigo 21, co seguinte texto:

Artigo 21.- Persoal de administración e servizos

O Centro Asociado disporá do persoal de administración e servizos, necesario para atender a xestión administrativa e económica, que asegure o correcto funcionamento do centro. En caso de que este persoal non sexa cedido polas distintas corporacións, a súa vinculación co centro será de carácter laboral, rexéndose pola lexislación aplicable ao persoal da UNED e, en ningún caso, as súas retribucións poderán superar as establecidas para postos de traballo equivalente na Universidade.

D.- Modifícase o artigo 24, dándolle a seguinte redacción:

Artigo 24.- Presentación de memoria de actividade e remisión das contas anuais

O Centro remitiralle anualmente á UNED, nos prazos que para tal efecto fixe esta con carácter xeral, unha memoria de actividades realizadas durante o curso, as contas anuais e demais documentos administrativos que se lle requiran. Esta documentación deberá axustarse aos procedementos electrónicos e modelos que a UNED estableza para os centros asociados.

E.- Suprímese o artigo 31, que pasa a ser substituído polo artigo 32 modificado, en tanto que o artigo 33 pasa a ser o artigo 32.

F.- Engádese un novo artigo 33, co seguinte texto:

Artigo 33.- Modificación dos estatutos

Igualmente acordan que a UNED proporalle, no prazo de dezaoito meses desde a aprobación do presente instrumento, á Xunta Reitora un proxecto de estatutos nos que se recolla un texto refundido destes que incorpore as modificacións introducidas, os adapte e harmonice e recolla as disposicións pertinentes para a adaptación destes aos cambios normativos e organizativos motivados polo desenvolvemento legal e regulamentario previsto nas Leis 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sostibilidade da administración local e 15/2004, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

ADHESIÓN DO CONCELLO DE NOGUEIRA DE RAMUÍN AO CONVENIO MARCO DE COOPERACIÓN ENTRE A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE E OS CONCELLOS DA PROVINCIA PARA A PRESTACIÓN POLA DEPUTACIÓN PROVINCIAL, EN RÉXIME DE COMPETENCIA DELEGADA, DO SERVIZO DE INSPECCIÓN DE TRIBUTOS MUNICIPAIS.

Acordo:

Aceptar a adhesión ao convenio marco de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e os concellos da provincia para a prestación pola Deputación Provincial, en réxime de competencia delegada, do servizo de inspección dos tributos municipais, do concello de Nogueira de Ramuín.

Os concello de Nogueira de Ramuín delega na Deputación o exercicio de todas as funcións que integran a inspección tributaria conforme coa lexislación vixente para a totalidade dos tributos municipais,

O concello de Nogueira de Ramuín autoriza, ademais, á Deputación Provincial para solicitar dos órganos competentes da Administración do Estado a delegación do exercicio da competencia de inspección do Imposto de Actividades Económicas, durante o período de vixencia do convenio marco.

Ordenar a publicación desta adhesión no BOP.

EXPROPIACIÓN FORZOSA, POLO PROCEDEMENTO DE TAXACIÓN CONXUNTA, PARA A EXECUCIÓN DA OBRA "AMPLIACIÓN DA RÚA CONSTUREIRAS 1ª FASE", NO CONCELLO DE AMOEIRO.

Acordo:

Aprobar definitivamente o expediente expropiatorio de taxación conxunta para a execución da obra de "AMPLIACIÓN DA RÚA COSTUREIRAS, 1ª FASE", no Concello de Amoeiro.

Declarar a necesidade de ocupación, con carácter de urxencia, dos bens e dereitos afectados pola devandita expropiación, de conformidade co disposto no artigo 144.1 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

ADHESIÓN DO CONCELLO DE VILARIÑO DE CONSO AO CONVENIO MARCO DE COOPERACIÓN ENTRE A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE E OS CONCELLOS DA PROVINCIA PARA A PRESTACIÓN, POR PARTE DA DEPUTACIÓN, EN RÉXIME DE COMPETENCIA DELEGADA E CON CARÁCTER INTERMUNICIPAL, DO SERVIZO DE RECOLLIDA DE RSU NOS MUNICIPIOS DA PROVINCIA.

Acordo:

Acepta-la adhesión do Concello de Vilariño de Conso ao convenio de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e os concellos da provincia para a prestación, por parte da Deputación, en réxime de competencia delegada e con carácter intermunicipal, do servizo de recollida de RSU nos municipios da provincia, de conformidade co acordado polo dito Concello en data 26 de novembro de 2014.

APROBACIÓN DA MOCIÓN PARA SOLICITAR A SUBVENCIÓN CON CARGO AO 1,5% CULTURAL PARA A REFORMA E REHABILITACION DO EDIFICIO DA PRAZA DE ABASTOS, Nº 1 DE OURENSE.

Acordo:

Instar ao Presidente da Xunta de Galicia para que colabore na reforma e rehabilitación do edificio da Praza de Abastos nº 1 de Ourense.

Instar ao Ministerio de Fomento para que colabore na reforma e rehabilitación do edificio da Praza de Abastos nº 1 de Ourense con cargo ao 1,5% cultural do Goberno Central.

APROBACIÓN DA MOCIÓN SOBRE A MELLORA DA ASISTENCIA SANITARIA EN PEREIRO DE AGUIAR.

Acordo:

Solicitar, unha vez máis, do Presidente da Xunta de Galicia, da Consellería de Sanidade e do SERGAS a construción dun novo centro de saúde no concello do Pereiro de Aguiar coa dotación de medios materiais e humanos suficientes para as necesidades da súa poboación, con novas especialidades de pediatría, fisioterapia e dous médicos de atención primaria máis, xunto co persoal auxiliar necesario.

Igualmente, solicitar da Consellería da Sanidade e do SERGAS, medidas temporais que palíen as necesidades da poboación mentres a construción do novo centro de saúde non remate, dotando ó centro de saúde actual dun especialista de pediatría, que evite que os 823 nenos teñan que desprazarse á cidade de Ourense, e contar cun profesional de atención primaria máis xunto co persoal auxiliar necesario, co fin de mellorar o actual servizo, moi insuficiente en canto a medios materiais e sobre todo humanos. Dadas as limitacións de espazo do centro de saúde existente, o que fai imposible a presenza de máis profesionais traballando simultaneamente, estes reforzos deberían programarse en quendas de tarde.