Manuel Baltar destaca "a cooperación como base do éxito de "Vinis Terrae"

Compartir

 

  • O presidente da Deputación afirma que esta feira, única de carácter internacional de viños e licores de Galicia "sitúa a Ourense na vangarda deste sector".

Ourense, 22 de maio de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe en Expourense, na presentación do Salón "Vinis Terrae" que a cooperación institucional e empresarial "é a base do éxito desta feira, a única de carácter internacional de viños e licores de Galicia, que sitúa a Ourense na vangarda deste sector".

O presidente do goberno provincial fixo estas declaracións no acto de presentación deste importante certame de promoción e comercialización vinícola, acompañado polos presidentes dos consellos reguladores das denominacións de orixe Ribeiro, Monterrei e Ribeira Sacra; o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; o presidente da Cámara de Comercio, Juan Carlos Parada, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín.

Manuel Baltar subliñou que a estreita colaboración que a Deputación de Ourense ven mantendo coas catro denominacións de orixe vitivinícolas da provincia de Ourense "coas que acordamos estratexias de promoción como o portal web Enourense", iniciativa anunciada polo presidente provincial no pasado Debate sobre o Estado da Provincia que ten como obxectivo a mellora da competitividade e innovación das Pemes do sector vitivinícola da provincia de Ourense adscritas ás denominacións de orixe ourensás. A posta en marcha deste portal irá acompañada de iniciativas de apoio ás pemes e de estratexias de innovación, ademais de realizar unha diagnose do sector e poñer a disposición das empresas unha plataforma de comercio electrónico e accións de promoción e asesoramento para mellorar a competitividade do sector.

Alejandro Rubín explicou que "Vinis Terrae", que se celebra os días 25 e 26 de maio, contará coa presenza dun centenar de importadores e compradores de 20 países, que terán a oportunidade de coñecer os produtos das 80 adegas adscritas ás denominacións de orixe de Galicia. Esta sexta edición da feira supera en máis dun 30% os datos de participación das anteriores. No salón participaran 105 expositores, xa que, ademais de adegas haberá espazo para empresas provedoras de produtos e servizos relacionados con este sector.