Manuel Baltar reúnese no Ribeiro cos presidentes dos consellos reguladores vitivinícolas da provincia

Compartir

  • O obxectivo é manter unha canle permanente de colaboración entre o goberno provincial e as denominacións de orixe para desenvolver proxectos que potencien e promocionen os viños ourensáns.

  • Na xuntanza, Manuel Baltar solicitoulles aos presidentes dos CRDO Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra proxectos para seren incluídos nos orzamentos de 2016, que se aprobarán en setembro.

  • O portal "Enourense" e a avaliación da Feira Vinis Terrae formaron parte tamén dos temas tratados na xuntanza de hoxe, celebrada na sede do CRDO Ribeiro.

Ourense, 2 de xuño de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe na sede do CRDO Ribeiro cos presidentes dos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas da provincia de Ourense: Miguel Ángel Viso, do Ribeiro; Antonio Ángel Méndez, de Monterrei; Vicente Solarat, de Valdeorras, e José Manuel Rodríguez, de Ribeira Sacra, dentro da rolda de contactos que mantén o presidente do goberno provincial cos titulares das denominacións de orixe vitivinícolas para analizar estratexias e proxectos de promoción e dinamización deste importante sector económico.

Na xuntanza, Manuel Baltar solicitoulles aos presidentes dos CRDO que plantexen proxectos para seren incluídos nos orzamentos de 2016, que se aprobarán en setembro. Asemade, o portal web "Enourense", de comercialización para as adegas das catro D.O. ourensáns, e a avaliación da Feira Vinis Terrae formaron parte tamén dos temas tratados na xuntanza de hoxe, na cal o presidente da Deputación afirmou que o ente provincial "seguirá apoiando ás feiras e eventos relacionados coas catro denominacións de orixe da nosa provincia, iniciativa enmarcada na colaboración en materia de promoción, innovación e comercialización para este sector básico da economía da provincia de Ourense", dixo Baltar.

A Deputación de Ourense e os consellos reguladores seguirán a manter estes encontros –o vindeiro celebrarase en Valdeorras-, logo dos celebrados en Ourense e hoxe no Ribeiro, coa finalidade de planificar estratexias de promoción, modernización tecnolóxica e outras actividades vencelladas á promoción e comercialización, coa colaboración do Inorde.