A Deputación de Ourense impulsa unha innovadora alianza territorial con Curitiba para levar a cabo iniciativas internacionais sobre transparencia e prácticas de bo goberno
- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou co coordinador da rexión metropolitana de Curitiba, Carlos do Rego Almeida, o primeiro protocolo de colaboración nesta materia.
Ourense, 23 de outubro de 2015.- A Deputación de Ourense impulsa unha innovadora alianza territorial coa rexión metropolitana de Curitiba para levar a cabo iniciativas internacionais sobre transparencia e prácticas de bo goberno, unha iniciativa que ten como obxectivo cooperar no desenvolvemento de programas e proxectos enmarcados no ámbito da participación cidadá e goberno aberto. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe co coordinador da rexión metropolitana de Curitiba, Carlos do Rego Almeida, o primeiro acordo de colaboración nesta materia.
O acordo xurde como consecuencia dos encontros que Manuel Baltar mantivo estes días con representantes dos goberno de Brasil e de Paraná e das autoridades locais de Curitiba. Neste senso, a Rexión Metropolitana de Curitiba plantexou a posibilidade de asinar un protocolo de colaboración dado o interese amosado por esta institución polas innovacións postas en marcha na Deputación de Ourense nos últimos tempos, en concreto, as que se refiren a transparencia, participación cidadá, planificación e plans de mandato e as xestións e o traballo realizado polo goberno provincial de Ourense para aprobar con tanta antelación –no mes de setembro- os orzamentos referidos ao exercicio do ano seguinte.
A este conxunto de boas prácticas de xestión que desenvolve a Deputación de Ourense únese tamén o destacado interese por parte das autoridades da rexión metropolitana de Curitiba -formada por 29 municipios, agrupados en cinco micro-rexións, e que conta con 3,5 millóns de habitantes- pola "Carta de Servizos" da Deputación de Ourense, a guía máis completa dun goberno provincial en España, que pon a disposición de cidadáns e concellos a oferta de servizos públicos do ente provincial ourensán, e que ten como obxectivo responder ás necesidades dos cidadáns e dos concellos con eficacia, rapidez e innovación ofrecendo 40 servizos para os concellos e 55 para os cidadáns.
Manuel Baltar dixo sentirse agradecido pola receptividade amosada por parte das autoridades da rexión de Curitiba, "porque esta colaboración posibilita unha alianza entre territorios de diferentes continentes, que ten como finalidade afondar no eido da transparencia, da participación cidadá e do goberno aberto", afirmou, destacando que este é "un punto de partida máis que importante, dado que non existen ningunha alianza territorial entre continentes que teña como obxecto este tipo de asuntos e cremos que é unha iniciativa que pode formar parte de vindeiras reunións con outros posibles socios desta alianza de territorios, tema do que darei conta no vindeiro consello político de Partenalia, a Asociación europea de gobernos locais intermedios".