O Museo do Viño, o BIC da Ribeira Sacra e as obras en centros de ensino, temas da reunión entre Manuel Baltar e o conselleiro de Cultura e Educación

Compartir

Ourense, 12 de febreiro de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, con quen analizou os proxectos de cooperación que o goberno provincial está a desenvolver conxuntamente co departamento que dirixe Román Rodríguez, continuación da reunión que onte mantivo Baltar coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, no que atinxe á planificación de obras de mellora a realizar en centros de ensino da provincia de Ourense, co fin de renovar a colaboración conxunta entre ámbalas dúas administracións.

Manuel Baltar e Román Rodríguez revisaron tamén o estado do expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) da Ribeira Sacra, que nestes momentos se atopa na fase de completar a documentación. Sobre este tema, Baltar anunciou que nos próximos días manterá unha reunión coa Valedora do Pobo, que está a coordinar estes traballos, segundo as valoracións do departamento de Cultura do goberno autonómico.

O Museo do Viño foi tamén un dos asuntos tratados na reunión de hoxe, na que se ultimou a xestión conxunta que Deputación de Ourense e Xunta de Galicia realizarán nos ámbitos administrativos, institucionais, culturais e de promoción turística, neste espazo museístico que se ubica en Santo André de Camporredondo (Ribadavia). Manuel Baltar destacou que a ámbalas dúas administracións, provincial e autonómica, "lles interesa darlle pulo a este proxecto, situado nun lugar emblemático, e que será o Museo do Viño de Galicia, circunstancia que para Ourense constituirá unha cuestión diferencial importante".

O museo, situado na antiga reitoral de Santo André, a tres kilómetros de Ribadavia, é un edificio do século XVIII que albergou a granxa vinícola máis importante que o mosteiro de San Martiño Pinario tivo en Galicia.