Manuel Baltar pide a convocatoria "extraordinaria e urxente" da Xunta de Goberno da FEMP en defensa das deputacións
- O presidente da Deputación de Ourense e membro da Xunta de Goberno da FEMP reivindica o valor institucional das deputacións, Cabildos e Consellos Insulares "como gobernos que cumpren a misión de cooperar na vertebración territorial e de velar pola igualdade e acceso de todos os cidadáns aos servizos necesarios".
- Considera que o acordo de PSOE e Ciudadanos no que propoñen suprimir as deputacións "supón un gravísimo ataque á autonomía provincial e aos seus órganos de goberno recoñecidos na Constitución".
- Baltar pide á FEMP que esixa ao futuro Goberno da nación "o respecto ás deputacións para non castigar aos millóns de españois que, baixo seu amparo, conviven en municipios rurais", e engade que o presente destas institucións "non pasa pola súa eliminación senón por alcanzar, xunto cos concellos, o obxectivo de dotarse dunhas administracións modernas e eficaces, ao servizo dos cidadáns".
Ourense, 26 de febreiro de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense e membro da Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Manuel Baltar, remitiu unha petición ao secretario da FEMP solicitando a convocatoria "extraordinaria e urxente" da Xunta de Goberno de dita federación para que a FEMP se posicione en defensa das deputacións provinciais.
Manuel Baltar sinala no seu escrito que no acordo de goberno subscrito o día 24 de febreiro de 2016 entre o Partido Socialista Obreiro Español e Ciudadanos, acórdase textualmente a "supresión das Deputacións Provinciais de réxime común".
"Considero que dito acordo supón un gravísimo ataque á autonomía provincial e aos seus órganos de goberno, recoñecidos pola nosa Constitución", afirma Manuel Baltar., e engade que ante este feito "a Xunta de Goberno da FEMP, representando ao conxunto dos municipios, provincias e illas de España, debe posicionarse en defensa dos intereses do conxunto das Deputacións Provinciais".
Neste sentido, o presidente da Deputación de Ourense, de conformidade co establecido nos Estatutos da FEMP, solicita que a Xunta de Goberno Extraordinaria da FEMP, inclúa como único punto da Orde do Día o seguinte: "Declaración da Xunta de Goberno da FEMP en defensa das Deputacións Provinciais".
Reforma electoral
Manuel Baltar, que é partidario de reformar o réxime electoral para que se elixan en urna aos membros da corporación provincial, "cuestión que defendo desde sempre -afirma-, como tamén a reforma do financiamento", destaca que as deputacións "son institucións constitucionais que teñen sido co-protagonistas, como gobernos locais intermedios da mellora xeral dos nosos pobos e cidades", e engade: "Cumpren cun labor de coordinación territorial, de auxilio aos pequenos e medianos municipios, de prestación de servizos de primeira necesidade e proximidade que no poderían proporcionar moitos municipios por si sos, de impulso de actuacións complementarias en temas de competencia municipal, mellorando a xestión local".
Neste sentido, considera Manuel Baltar que as deputacións xogan un papel esencial na xeración de economías de escala, "contribuíndo ao abaratamento dos custes, e producindo un efecto multiplicador sobre os recursos". Provincias e municipios, concellos e deputacións, integran unha mesma comunidade política local e comparten uns mesmos intereses, sen relación xerárquica senón de paridade institucional".
Baltar entende que as deputacións "son imprescindibles para dar cumprimento ao artigo 139 da Constitución, que garante que "todos os españois teñen os mesmos dereitos e obrigas en calquera parte do territorio do Estado". "A supresión dos órganos provinciais –afirma- convertería en cidadáns de segunda división a millóns de españois que viven no medio rural, na súa maioría en pequenos pobos, aos que non se lles poden negar os mesmos dereitos, oportunidades e obrigas que ao resto de cidadáns".
A FEMP desde a súa fundación, "tivo como unha das súas máximas o apoio aos pequenos municipios, e exemplo da importancia que para a federación teñen os mesmos, é a recente creación, nesta lexislatura, dunha nova Comisión de Despoboamento", entende Manuel Baltar.
Por todo o anterior, Manuel Baltar pide á FEMP que acorde o seguinte:
PRIMEIRO.- Reivindicar o valor institucional das Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos Insulares como gobernos que cumpren a misión de cooperar na vertebración territorial e de velar pola igualdade e acceso de todos os cidadáns aos servizos necesarios.
SEGUNDO.- Esixir ao futuro Goberno da Nación que respecte estas institucións para non castigar aos millóns de españois que, baixo seu amparo, conviven en municipios rurais.
TERCEIRO.- Valorar que o presente inmediato das Deputacións, Cabildos e Consells insulares non pasa pola súa eliminación senón por alcanzar, xunto cos concellos, o obxectivo de dotarse dunhas administracións modernas e eficaces ao servizo dos cidadáns,nas que non se solapen competencias, e que conten co mesmo nivel de calidade e autosuficiencia das demais Administracións do Estado.