Rosendo Fernández participou en Santiago na reunión sobre os consorcios de bombeiros

Compartir

  • A Xunta insiste na súa disposición a cambiar a xestión dos mesmos garantindo os postos de traballo.

Ourense, 2 de marzo de 2016.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou hoxe en Santiago, xunto co vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e os representantes das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra nunha reunión para analizar a situación dos consorcios contra incendios de Galicia. No encontro, Rueda afirmou que a Xunta está aberta a cambiar o modelo de xestión dos parques comarcais de bombeiros sempre que non supoña un maior custe e que se garantan os empregos dos traballadores que prestan o servizo a día de hoxe.

Rosendo Fernández afirmou que o sistema actual resulta satisfactorio pero asegurou estar aberto a estudar outras fórmulas de xestión no caso de que fosen máis eficientes e garantan a estabilidade dos traballadores, e reafirmouse na súa posición "ao comprobar a disparidade de datos e criterios expresados polos representantes das Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra".

"Cambio de xestión si, pero coa garantía dos postos de traballo enriba da mesa", enfatizou Alfonso Rueda, que salientou que as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, que avogaron sempre por este cambio, "non trouxeran hoxe ningún informe concluínte ao respecto da posibilidade de integrar a estes traballadores nin sobre a viabilidade económica dun cambio de sistema cara a xestión directa".