Inauguración do I Congreso Nacional de Formación Regrada en Seguridade Privada
- O evento, co-organizado pola Deputación de Ourense, celebrarase do 9 ao 11 de marzo, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", sendo o primeiro congreso destas características que ten lugar en España.
Ourense, 10 de marzo de 2016.- O I Congreso Nacional de Formación Regrada en Seguridade Privada que se desenvolve no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" foi inaugurado oficialmente esta mañá no Salón de Actos do mesmo. No acto estivo presente o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Concello de Ourense, Jesús Vázquez; o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro; o director do Instituto Nacional de Cualificacións (INCUAL), Paulo Martín Seco; o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Luis Menor; e o presidente do congreso, Miguel Gawenda.
Rosendo Fernández deulle a benvida aos alí presentes "o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" é unha canle de difusión cultural no que hoxe a Deputación de Ourense se congratula de estar inaugurando este congreso que co-organiza e que é pioneiro no territorio nacional",e engadiu, "tal e como dixo Miguel Gawenda, este congreso pretende buscar solucións efectivas para o sector sendo o punto de partida para definir a súa folla de ruta".
Asemade o vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a importancia da formación "falar de formación é falar de futuro, pois non hai futuro sen formación" e asegurou "a seguridade é cousa de todos e sen embargo, non é coñecida por todos pero temos que coñecela cada día máis. A unión entre seguridade pública e privada faranos ser unha sociedade máis libre e segura".
O congreso está co-organizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Nacional de Profesores Acreditados de Seguridade Privada (ANPASP), sendo o primeiro congreso destas características que ten lugar en España. Durante o desenvolvemento do encontro que rematará o 11 de marzo, reunirá a máis de 120 participantes de distintos puntos da xeografía española como Valencia, Madrid, Bilbao, Barcelona, e tamén de Londres.
Baixo o lema "Cultura de Seguridade, Formación e Información. Un proxecto Compartido", acollerá 9 talleres prácticos e 60 relatores que formarán 10 mesas redondas. Nel estarán presentes representantes de centros universitarios, membros dos corpos e forzas do Estado, directores de centros de formación, presidentes de asociacións, entre outros.
As mesas redondas terán lugar en dúas salas, na xornada de hoxe haberá un total de sete nas que se tratarán os requisitos e límites da docencia e as titulacións universitarias. Nesta cita participan profesionais e expertos vidos de universidades e centros de toda España. Ademais, tamén se reflexionará sobre a figura da muller na industria da seguridade privada e a visión da sociedade, os usuarios e as empresas cara a este sector.
En canto aos talleres comezarán esta tarde en distintas localizacións e con distintas temáticas: taller de simulador de fogo, taller de simulador de scanner, taller de RCP e DESA e un taller de simulador de tiro.
As actividades retomaranse mañá venres, 11 de marzo, e as mesas redondas tratarán sobre o "sector da formación" e iranse sucedendo na mesma sala para abordar distintas cuestións: a experiencia dos centros de formación privada, a posición das asociacións de formación en seguridade privada, e o desenvolvemento, control e supervisión. Os talleres programados para esta xornada comezarán ás 9.30 horas coas mesmas temáticas que no día anterior.
Para máis información acerca deste congreso pódese consultar o seu portal web www.congresoformacionseguridadprivada.es.