A Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense celebra o Día Mundial da Arte
Ourense, 15 de abril de 2016.- A Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense celebrou o Día Mundial da Arte cunha xornada de portas abertas e con actividades na rúa. O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da Escola de Artes e Oficios, Francisco González; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar, visitaron a Escola esta tarde con motivo desta celebración.
Rosendo Fernández destacou a importancia deste tipo de actividades porque para o ente provincial "a cultura é unha prioridade". Asemade salientou que a Deputación de Ourense "é a única deputación de Galicia que conta cunha Escola de Artes e Oficios".
A Escola Provincial de Artes e Oficios para conmemorar esta data levou a cabo unha xornada de portas abertas, así como actividades na rúa, para visibilizar o seu traballo. As instalacións da Escola de Artes e Oficios permaneceron abertas ao público dende as 18.00 ata as 21.00 horas, para que os cidadáns puidesen coñecer as diferentes disciplinas que alí se imparten como debuxo e iniciación á pintura, perfeccionamento en pintura, olería, modelado e vaciado en barro e talla en madeira.
Asemade, alumnos de debuxo e pintura sacaron á rúa os seus caballetes para pintar en directo, e achegar á sociedade ourensá o seu traballo e a súa actividade. Os visitantes tamén puideron ver como se modela o barro, como se fan pezas de olería ou como se traballa a madeira para facer unha escultura. A Escola de Artes e Oficios da Deputación, que ten máis dun século de vida, conta actualmente con 180 alumnos matriculados.