Manuel Baltar destaca na vista ás obras da rúa Concejo "a importancia da cooperación institucional entre Deputación e Concello de Ourense

Compartir

  • A obra conta cun orzamento de 507.000 euros e ten previsto o seu remate para finais do vindeiro mes de setembro.

Ourense, 28 de abril de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe na visita ás obras da rúa Concejo de Ourense "a importancia da cooperación entre o goberno provincial e o Concello de Ourense, que preside as relacións entre ámbalas dúas institucións desde a chegada de Jesús Vázquez ao goberno local, o que se materializou na creación do Comité de Cooperación Permanente, o único que existe entre un goberno provincia e unha capital de provincia, que nos permite abordar temas referidos a infraestruturas, como é este caso, pero tamén outros de ámbito cultural que abranguen, por exemplo, a colaboración da Deputación no Festival de Cine, na programación do "Pórtico do Paraíso", e mesmo na "Ourense ICC Week".

Manuel Baltar afirma que esta colaboración "é posible grazas a boa xestión orzamentaria que está a facer a Deputación de Ourense, que reflicte remanentes de tesourería e reducións de endebedamento, que nos permiten levar a cabo iniciativas para mellorar os servizos e a calidade de vida dos cidadáns, no marco desta cooperación institucional que hoxe ten como exemplo a rúa Concejo".

Pola súa banda, Jesús Vázquez agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense "para levar a cabo en tempo record o feito de que hoxe estea en obras esta rúa, unha actuación moi demandada polos cidadáns debido aos problemas de circulación que presentaba".

A obra da rúa Concejo conta cun orzamento de 507.000 € e ten previsto estar rematada a finais do mes de setembro. As actuacións que se están a realizar son a reordenación da sección transversal da rúa (aparcamento en batería a 45º), aumentando dúas prazas máis para o estacionamento e facilitando máis fluidez ao tráfico, así como unha maior comodidade para manobrar.

Asemade, a obra comprende a pavimentación nova da calzada e a reposicións das beirarrúas, aumentando o ancho da beirarrúa esquerda do tramo inicial de 1,95 metros a 3,00 metros, e en ambas beirarrúas no tramo final ata chegar á rúa Xoán XXIII.