Antonio Beteta: "Modernización, transparencia e administración electrónica son eixes fundamentais no futuro das deputacións"
- O secretario de Estado de Administracións Públicas clausurou hoxe xunto a Manuel Baltar a "V Xornada sobre deputacións do futuro" destacando "o labor pioneiro e de vangarda" que realiza a Deputación de Ourense no ámbito da Transparencia e da innovación na xestión.
- Beteta considera "imprescindibles ás deputacións", e sitúa como reto de futuro "avanzar na prestación de servizos mancomunados con calidade, eficiencia e eficacia".
- Manuel Baltar destacou que as deputacións "teñen que exercer ese labor de asesoría xurídica, técnica e económica aos concellos pero tamén defender unha visión integral de provincia".
Ourense, 20 de maio de 2016.- O secretario de Estado de Administracións Públicas, Antonio Beteta, dixo hoxe en Ourense, no marco da "V Xornada sobre as deputacións do futuro", que organiza a Deputación de Ourense, que a modernización, a transparencia e a administración electrónica "son eixes fundamentais de futuro das deputacións", e remarcou que as deputacións "son radicalmente esenciais para garantir o principio constitucional de que todos os cidadáns teñen dereito aos mesmos servizos, onde queira que vivan no territorio nacional".
"Nos municipios españois viven tantas persoas como en Madrid e Barcelona xuntas, e as veciñas e veciños dos máis de oito mil territorios municipais teñen moita máis dificultade para o acceso aos servizos públicos. De aí a importancia de agrupalos a través das deputacións. Hoxe temos que combater o déficit público e, á vez, garantir servizos públicos de calidade, e, neste sentido, as deputacións, como grandes centrais de compra poden levar a cabo unha optimización de recursos a prol dos municipios da provincia", explicou Antonio Beteta.
"As deputacións son imprescindibles neste momento –afirmou o secretario de Estado-, e o reto do futuro é avanzar na prestación de servizos mancomunados. E tamén temos o reto de explicarlle a Europa que en España temos un modelo que aposta porque sigan existindo os 8.117 municipios, pero que somos capaces de conseguir a través dunha institución intermedia eficiente e barata, como é a deputación, que eses servizos públicos se poidan prestar con eficiencia e eficacia".
Referíndose ao labor que Manuel Baltar leva a cabo co seu modelo de "Provincia Intelixente", situando á Deputación de Ourense á vangarda da innovación administrativa, Antonio Beteta afirmou que o feito de que a Deputación de Ourense "teña un plan cun cronograma de medidas –o "Plan Ourense 15-19"-, que se pode seguir a través da páxina web e que permite ao cidadán comprobar se aquilo que se dixo se cumpre, é algo nada habitual no conxunto das administracións públicas", e tamén destacou Beteta o feito de que a Deputación de Ourense "teña o rigor de aprobar seus orzamentos no mes de setembro, algo realmente importante porque iso permite unha xestión económico-financeira razoable ao longo do ano, o que fala ben ás claras da organización existente dentro deste goberno provincial".
Neste sentido, Beteta dixo que avanzar neste nivel de transparencia, "no que ten sido pioneiro o equipo do presidente Baltar, é algo moi a destacar porque está a dar bos resultados e, en definitiva, non se está nesta labor só para facer números senón para contribuír a que a calidade vida dos cidadáns sexa cada vez mellor".
Tamén se referiu Beteta á proposta de Manuel Baltar de debater sobre a elección directa dos deputados e dos presidentes das deputacións afirmando que, sen dúbida, "no seu momento haberá que abordalo, pero o que non é discutible é a existencia da administración provincial, esa gran mancomunidade que une a todos os municipios da provincia garantindo a prestación de servizos públicos de calidade con eficiencia e eficacia".
"Hoxe o sector público local español é, en termos de cumprimento orzamentario, o máis eficiente de Europa; un modelo de éxito que está a ser estudado por moitos países, que conseguiu pasar dun déficit de 4.000 millóns de euros en 2011 a un superávit constante de preto dos 5.000 millóns de euros nos anos 2013, 2014 e 2015, e iso conséguese coa prestación eficaz e eficiente dos servizos públicos que se está realizando desde as deputacións provinciais", explicou Antonio Beteta, e concluíu afirmando que a provincia "ten que ser a encargada de liderar esa "democratización electrónica" que supón levar a administración electrónica a todos os municipios da provincia: factura electrónica, trámites administrativos e o acceso a todos os servizos a través da Rede, é algo que temos que conseguir para que esa "democracia electrónica" sexa unha realidade na España do século XXI".
Vangarda e innovación política
Pola súa banda, Manuel Baltar dixo que iniciativas como esta xornada na que se debate sobre o futuro das deputacións, único foro destas características que se organiza desde fai cinco anos por un goberno provincial, "amosan un labor de vangarda na innovación política e na xestión económica. Somo unha "administración esponxa" disposta a escoitar propostas que melloren o rendemento desta institución, que conta cunha Carta de Servizos a disposición do cidadán e dos concellos que contribúe a que esa mellora continua á que aspiramos sexa un exercicio permanente pola nosa banda".
"O goberno provincial, as provincias e os intereses provinciais existen, e as deputacións teñen que exercer ese labor de asesoría xurídica, técnica e económica aos concellos pero tamén defender unha visión integral de provincia", explicou Baltar, quen destacou que por quinto ano consecutivo a Deputación de Ourense organiza esta xornada en colaboración coa Fundación Democracia e Goberno Local "para falar e debater sobre futuro, competencias e financiamento dos gobernos provinciais, así como dos servizos que ofrecen á cidadanía e aos concellos".
Baltar subliñou "a plena actualidade" desta xornada "pois debatemos sobre a funcionalidade dos gobernos provinciais, unha iniciativa que a Deputación de Ourense puxo en marcha e que permite confluír e contrastar ideas para analizar o funcionamento e o futuro das administracións provinciais". O presidente provincial remarcou que nestes catro anos "a Deputación de Ourense colocouse á vangarda dos 45 gobernos provinciais de España en materia de transparencia, xestión económica, innovación política e posicionamento da identidade, tanto no ámbito nacional como internacional".
Na xornada abordáronse temas referidos á transparencia, goberno aberto e participación cidadá, con relatores como os catedráticos de Dereito Constitucional Roberto Blanco Valdés e Juan José Solozábal Echevarría; o catedrático de Dereito Administrativo, Jaime Rodríguez-Arana, e o abogado do Defensor del Pueblo na Comunidade de Valencia, Miguel Ángel Blanes.
A xornada, celebrada no Centro Cultural "Marcos Valcárcel, foi inaugurada por Manuel Baltar e polo xerente da Fundación Democracia e Goberno Local, José Luis Moreno Torres, quen destacou a importancia de contar coas deputacións provinciais "porque en elas a gran maioría dos pequenos municipios de España terían serios problemas para levar a diante a prestación de servizos aos cidadáns", e puxo de manifesto o interese da Deputación de Ourense "por fortalecer a reflexión sobre o futuro dos gobernos provinciais, feito ao que se suma desde hai anos a Fundación Democracia e Goberno Local".
Moreno entende que o florecemento do estado autonómico "postergou o gran debate local, e cando ese momento chegue cómpre estar preparados, porque a provincia ten futuro no estado autonómico, anque iso implique realizar cambios nas súas funcións, no financiamento no modo de elección dos representantes provinciais e nas competencias que as provincias deben desempeñar, nun contexto no que non podemos esquecer dúas ideas centrais na forma de concibir a organización e funcionamento das administracións públicas: transparencia e bo goberno".