Xunta, Deputación de Ourense e Concello de Bande melloran os accesos viarios á vila

Compartir

 

  • As obras consistirán na ampliación da vía de entrada a Bande, a construción de beirarrúas, e actuacións en abastecemento e alumeado público.

Ourense, 19 de agosto de 2016.- A Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Concello de Bande mellorarán os accesos viarios á vila. Así se reflicte no convenio asinado entre as tres administracións, e que ten como obxectivo mellorar a mobilidade e seguridade na estrada de entrada á vila, a travesía OU-540. A obra consistirá "na ampliación da vía, beirarrúas, e actuacións en abastecemento e alumeado público", segundo explicou a presidenta da Axencia Galega de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que detallou que o investimento ascende a 244.000 euros, sendo o 70 % financiado pola Xunta de Galicia e o 30 %, pola Deputación de Ourense, mentres que o Concello de Bande licitará e executará as obras, que teñen como prazo de remate finais de 2017.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, destacou "a importancia da cooperación entre administracións, que fai posible actuacións deste tipo". En concreto, no que atinxe a esta obra, Baltar explicou que a achega económica para esta infraestrutura foi aprobada no pleno do pasado mes de xullo da Deputación de Ourense, "un exemplo máis da colaboración entre as administracións autonómica, provincial e local en favor dos concellos do rural da provincia de Ourense para mellorar os servizos e a calidade vida das veciñas e veciños".

Pola súa banda, José Antonio Armada, alcalde de Bande, agradeceu á Deputación de Ourense e a Xunta "a realización desta obra tan demandada na nosa vila, que mellorará a accesibilidade da entrada a Bande".

As actuacións consistirán na instalación das redes de abastecemento, saneamento, pluviais e alumeado, na construción de beirarrúas e na sinalización horizontal e vertical da travesía, para o cal será necesario demoler a antiga caseta de legoeiros.