Presentada a proposta da RPT da Deputación de Ourense para 2017
- O vicepresidente segundo da institución, Jorge Pumar, presidiu a reunión na que se presentou a proposta da Relación de Postos de Traballo á Mesa Xeral de Negociación.
- No BOP publicáronse as bases reguladoras do concurso ordinario para a provisión de 86 postos de traballo de promoción interna na administración provincial.
Ourense, 3 de setembro de 2016.- O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Jorge Pumar, presidiu no Pazo Provincial a reunión na que se deu conta á Mesa Xeral de Negociación da Deputación da Relación de Postos de Traballo (RPT) para 2017. A RPT mantén en liñas xerais a estrutura que se viña aplicando, introducindo modificacións de carácter organizativo relacionadas coa supresión de postos de traballo, a creación doutros novos e a reestruturación de determinadas unidades administrativas.
Por outra banda, no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de onte venres, 2 de setembro de 2016, publicáronse as bases reguladoras do concurso ordinario para a provisión de 86 postos de traballo de promoción interna na RPT da Deputación de Ourense. Segundo Jorge Pumar, "desta maneira, o equipo de goberno da institución provincial cumpre co seu compromiso de impulso á promoción e desenvolvemento persoal dos empregados públicos da Deputación".
Dentro do sistema de valoración de méritos do concurso, establécese un sistema de baremación integral do coñecemento: cursos de formación e perfeccionamento, nivel de titulación para o desempeño do posto, así como a correspondente valoración da experiencia profesional, sendo a ponderación da formación e a experiencia do 80% e do 20% respectivamente, na procura dunha progresión na carreira profesional axeitada e dunha maior eficiencia dos recursos humanos.