Manuel Baltar visita a ludoteca móbil da Deputación de Ourense, en Maceda
- O presidente estivo acompañado polo alcalde de Maceda, Rubén Quintas, e polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval.
- Os vindeiros percorridos da ludoteca móbil terán como destino os concellos de Barbadás e do Carballiño, os días 6 e 14 de setembro.
Ourense, 3 de setembro de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe a "Ludoteca móbil" da institución provincial, que ao longo desta xornada achega ao público infantil da vila de Maceda diversas actividades culturais e de lecer, como está a facer durante os meses de verán en diferentes localidades da provincia de Ourense. Baltar estivo acompañado no seu percorrido pola Praza Alcatruz, onde se ubica a ludoteca, polo alcalde de Maceda, Rubén Quintas, e polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval.
Esta iniciativa cultural, que achega a nenas e nenos obras de teatro, talleres e diversas atraccións para o seu lecer, pretende, segundo Manuel Baltar, "favorecer a participación dos máis novos en eventos colectivos, para o cal a Deputación de Ourense leva a un total de 15 localidades da provincia, entre os meses de agosto e setembro, actividades lúdicas ao aire libre para fomentar entre o publico infantil a creatividade, o contacto coas novas tecnoloxías, e por riba de todo para que se divirtan xogando", explica o presidente do goberno provincial.
Entre as actividades programadas da ludoteca -que o vindeiro martes, 6 de setembro, estará en Barbadás, e o día 14 de setembro, no Carballiño- atópase a obra de teatro infantil Non teñas medo, así como unha carpa interactiva con simulador de condución. Karaoke, vídeoxogos, toro mecánico, talleres, inchables e festa da espuma completan a oferta lúdica da ludoteca móbil, cuxo deseño foi pensado para dar cobertura a nenos a partir dos tres anos de idade.