Manuel Baltar inaugura en Laias o "laboratorio electoral" onde expertos internacionais debaten sobre comunicación política
- Oratoria, debates, planificación dunha campaña e estratexias de comunicación son os temas que centran o seminario, que analizará durante tres días as últimas innovacións en materia electoral.
Ourense, 9 de setembro de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou esta mañá no balneario de Laias (Cenlle) o "laboratorio electoral", un encontro que reúne a expertos internacionais que debaten sobre estratexias de comunicación política. Os temas que se analizan entre hoxe e o vindeiro domingo se centran na oratoria, os debates, a planificación dunha campaña, as estratexias de comunicación, as crises e as oportunidades, baixo a dirección do consultor ourensán Eladio Jardón, quen recentemente foi galardoado en Washington co "Victory Award", o premio máis prestixioso no ámbito da consultoría política.
Diante do medio cento de participantes, Manuel Baltar dixo que este evento "supón o primeiro laboratorio electoral que se desenvolve en Galicia e o máis importante seminario de comunicación política na nosa comunidade autónoma". Tamén felicitou a Eladio Jardón polo premio acadado e expresou que este encontro "se celebra nun momento importante, como é en plena campaña electoral, aínda que tan importante como este período é o resto do tempo, porque sempre hai que estar en contacto coa cidadanía".
Baltar comentou á experiencia vivida na pasada convención Demócrata dos Estados Unidos, celebrada en xullo pasado en Philadelphia, unha das citas políticas máis importantes do mundo político e á que foi convidado en calidade de observador internacional, e reafirmouse firme defensor das redes sociais, "como un arma política moi potente", se ben, puntualizou, "deben ser xestionadas directamente polos políticos, porque a política é proximidade, interacción, espontaneidade e personalidade, algo que só consegues demostrar se es ti mesmo quen leva persoalmente as túas contas nas redes sociais".
"A política é organización, pero tamén e escoitar o dobre do que se fala", destacou Manuel Baltar.
O seminario contou tamén hoxe coa participación de José Martínez, representante da Universidade de Santiago de Compostela, quen xunto a Eladio Jardón analizaron as claves da "Construción do éxito político". Nas sesións de mañá e tarde tamén se abordaron temas referidos á preparación dos debates electorais nos medios de comunicación, a organización dos equipo de campaña, e as estratexias para conectar co electorado. Entre os relatores internacionais que participan no seminario figura o asesor político Amaury Mogollón Ferreira, consultor en Estratexias Políticas e Electorais e director xeral de Acción Polítik, consultora especializada en Estratexia, Comunicación de Goberno e Campañas Electorais en México, Colombia e Venezuela.