Inauguración da mostra Libertas, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel"

Compartir

Ourense, 27de setembro de 2016.- Con motivo da celebración do 82º Congreso do PEN Internacional, o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, acolleu esta mañá, a inauguración da mostra Libertas, de Olegario Sampedro. Trátase dunha iniciativa que nace co fin de potenciar a defensa da liberdade de expresión como un dereito inalienable do ser humano, así como divulgar a cultura de paz. Especificamente, trata de facer visible a realidade ao longo da historia –e na actualidade- de todos aqueles escritores que, nalgún momento, viran vulnerados os seus dereitos fundamentais de expresión como consecuencia directa ou indirecta da redacción ou publicación das súas obras. Pretende a concienciación, primordialmente, na poboación xuvenil e, concretamente, dentro do contexto escolar.

Na inauguración participaron o organizador da 82 edición do Congreso do PEN Internacional, Xabier Castro; o autor das obras, Olegario Sampedro; a presidenta do PEN Internacional, Jennifer Clement; e a presidenta da Fundación García Lorca, Laura García Lorca.

Entre a programación prevista para mañá, atópase unha mesa redonda sobre "Galicia, ponte literaria", presentada por Luis González Tosar, e na que participarán Nélida Piñón, Claudia Piñeiro e Xosé Luis Méndez Ferrín. Asemade, ás 21.30 horas, será a quenda para "De linguas e de letras", unha cea acompañada polas lecturas de textos de delegados e participantes nos seus idiomas propios.