Deputación e o Grupo "Colmeiro" estudan colaborar en materia demográfica, calidade dos servizos públicos e turismo cultural
- Manuel Baltar e o economista Luis Caramés, coordinador deste grupo de análise e debate, reuníronse hoxe no Pazo Provincial para avanzar nas posibles liñas de asesoramento que os expertos do grupo poden achegar en materia económica, social, administrativa e turística.
Ourense, 29 de setembro de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao doutor en Economía e catedrático de Economía Aplicada de la USC, Luis Caramés, coordinador do Grupo "Colmeiro", con quen analizou posibles liñas de colaboración entre o goberno provincial e este grupo de análise e debate que se poderían establecer para que o os expertos que integran este destacado colectivo asesoren á Deputación de Ourense en materia económica, social, administrativa e turística.
Baltar afirma que os primeiros estudos "poderían especializarse nas materias de demografía, ámbito clave no noso territorio provincial, e tamén no despoboamento, na calidade dos servizos públicos municipais e no turismo cultural".
Na reunión participou, asemade, Venancio Salcines, un dos socios fundadores do Grupo "Colmeiro", doutor en Economía polas universidade da Coruña e de porto (Portugal), profesor titular de Fundamentos de Análises Económicos na Universidade da Coruña, e presidente de EF Business School.