O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" exhibe unha exposición sobre o legado das Irmandades da Fala
- A mostra, "Saúde e Terra, irmá(n)s!", que pode visitarse ata o 30 de outubro, achega fotografías, documentos e primeiras edicións, un total de 130 pezas prestadas para a ocasión por máis dunha trintena de institucións e coleccións particulares.
Ourense, 6 de outubro de 2016.- No Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense tivo lugar hoxe a inauguración da exposición "Saúde e Terra, irmá(n)s!", que amosa o legado das Irmandades da Fala. O acto contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do director do Centro Cultural, Francisco González; da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; do secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; e do vicepresidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Francisco Fariña Busto.
"Saúde e Terra, irmá(n)s!" conta cunha comisión organizadora na que participaron Margarita Ledo Andión e Henrique Monteagudo en representación da Real Academia Galega, Xusto Beramendi e Carlos García Martínez polo Museo do Pobo Galego e Carme Vidal e Uxío Breogán Diéguez pola Deputación da Coruña. O proxecto foi creado, deseñado e coordinado por Pepe Barro.
O 18 de maio de 1916 nacía na Coruña, nunha xuntanza celebrada na daquela sede da Real Academia Galega, na rúa Rego de Auga, a primeira das Irmandades da Fala. Nas semanas seguintes, este movemento concibido polos irmáns Vilar Ponte coa arela de estender o uso do galego a todos os contextos orais e escritos espallouse rapidamente por Galicia. As Irmandades promoverían ademais un novo rexurdimento cultural e tamén unha nova etapa do galeguismo político. Un século despois, a Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego están a difundir o legado dos homes e mulleres que fixeron posible este fito que marcou un antes e un despois na historia de Galicia a través da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s! Tras pasar pola Coruña, Santiago de Compostela, Vigo e Pontevedra, a exposición chega ao o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, onde permanecerá aberta até finais deste mes de outubro.
Rosendo Fernández afirmou que o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" "acolle esta exposición que recoñece aquel fito histórico de 1916, que se chamou Irmandades da Fala, e que iniciou un gran salto na traxectoria do galeguismo e da normalización social e da cultura propias de Galicia". Agradeceu á organización da exposición dar a coñecer en Ourense "a historia das Irmandades da Fala e a súa repercusión na configuración do que hoxe somos como pobo e cultura".
"A Deputación de Ourense sempre está ao carón da nosa lingua e das nosas tradicións, mostra diso é que xa en 1990 o goberno provincial aprobou o proxecto para a normalización lingüística desta institución, mesmo creando un gabinete de normalización lingüística", afirmou Rosendo Fernández, que aplaudiu tamén que a Real Academia Galega "veña de activar na súa web unha nova sección, As Irmandades da Fala nos fondos da Academia, ao cumprirse o centenario da publicación".
Pola súa banda, a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, aplaudiu o encontro institucional que fai que esta exposición, que naceu na Coruña, poida difundir o legado das Irmandades da Fala por todo o país. Quixo tamén, de maneira especial, recoñecer o papel do investigador Marcos Valcárcel, que dá nome ao centro que acolle a mostra, como promotor e difusor da cultura galega, e, en especial, das Irmandades. "Os estudos sobre personalidades ligadas á época das Irmandades e do Partido Galeguista como os que realizou Marcos Valcárcel, de maneira relevante sobre a figura de Otero Pedraio, foron cruciais para coñecer moito máis a fondo o significado transcendental que tiveron na nosa historia", explicou.
"As Irmandades supuxeron un punto de inflexión para explicar que en galego podiamos estar no mundo. Prepararon o terreo para que personalidades tan fortes e inmensas desde o punto de vista intelectual como o propio Otero Pedraio puidesen desenvolver un labor intenso e extenso", sinalou Goretti Sanmartín, quen reivindicou a figura de Losada Diéguez, clave das Irmandades en Ourense, "como a persoa que centrou o salto polo que, desde o punto de vista interno, a lingua galega tiña que pasar a ser lingua da ciencia e do pensamento".
O secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, salientou o carácter global da acción promovida polas Irmandades da Fala. "Foron un axente fundamental da modernización da lingua e da cultura galegas. Tiveron unha vocación de intervención social e dinamización cultural en distintas frontes, non só na literaria, senón tamén nos medios de comunicación, na vida artística e na política galega", expresou.
Para o vicepresidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Francisco Fariña Busto, "a exposición achega a definición da teoría do nacionalismo galego como conxunto homoxéneo cunha proposta por un lado transversal e por outro de afirmación de Galicia dentro dunha proposta federal ibérica que é o que se aprobou na asemblea das Irmandades de Lugo de 1918, e que é unha contribución fundamental do circulo ourensán das Irmandades, pensando nunha Galicia común e non en destacar singularidades e peculiaridades territoriais menores".
"A exposición combina grafismo, reprodución de documentos e unha serie de elementos de audio que nos permiten profundizar en singularidades desa época que é para nós un berce común", engadiu Francisco Fariña Busto.
O percorrido expositivo relata a historia das Irmandades a través de dez temas que profundan na súa cerna. Cada un deles desenvólvese nunha cabina na que se poden ver publicacións, documentos, imaxes e obxectos, así como escoitar gravacións musicais e de discursos e artigos de persoeiros da época. Poderase contemplar ademais unha escolma de pezas artísticas vencelladas aos temas e motivos que moveron a acción das Irmandades dalgúns dos artistas máis relevantes daquel tempo.
Dimensión global das Irmandades
A través destes dez espazos, o público achegarase á orixe do movemento e á súa evolución, desde a acción centrada en primeiro lugar na normalización do idioma ata a intervención política e os seus principais protagonistas (os irmáns Vilar Ponte, Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo, Antón Losada Diéguez, Vicente Risco...); o novo rexurdimento literario, da man de autores como Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Ramón Otero Pedrayo e Rafael Dieste e de editoriais como Céltiga, Lar ou Nós, dirixida por Ánxel Casal; o intento de conformación dun teatro galego que superase o ruralismo e a aposta polos coros como xeito de chegar ás masas; o compromiso cunha arte galega exemplificada na obra de Castelao, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño ou Francisco Asorey; o cultivo das ciencias sociais e experimentais ao servizo de Galicia, que callou arredor da creación do Seminario de Estudos Galegos, a creación das Escolas do Insiño Galego ou a importancia que lles concederon aos medios de comunicación as Irmandades, que se dotaron do seu propio voceiro, A Nosa Terra, e promoveron a reaparición d'O Tío Marcos d'A Portela, entre outras cabeceiras editadas en Galicia e na diáspora.
Saúde e Terra, irmá(n)s! dá ademais visibilidade á participación das mulleres nas Irmandades da Fala, que apostaron desde o primeiro momento pola "igualdade absoluta, política e civil da muller e do home". Esta declaración dunha asemblea de irmáns e irmás reflicte o compromiso político do movemento nuns tempos nos que o voto feminino aínda tardaría anos en chegar. As mulleres loitan na Irmandade Feminina, creada na Coruña en 1918, participan no teatro, aparecen nas palestras dos mitins e algunhas colaboran n'A Nosa Terra. Con dirixentes como Amparo López Jean, Micaela Chao, Elvira Bao ou María Miramontes, empezaron sendo un medio cento, pero na década dos anos 30 a cifra foi en aumento ata chegaren a ser o 10% da militancia do Partido Galeguista.
130 pezas
Ademais das fotografías e documentos reproducidos, a exposición xunta unhas 130 pezas, documentos orixinais e primeiras edicións prestadas para a ocasión por máis dunha trintena de institucións e coleccións particulares. Entre as pezas integradas nas cabinas, figuran obxectos persoais como as lentes de Vicente Risco e de Ramón Cabanillas, os carnés das Irmandades da Fala de Ramón Villar Ponte e Antonia Pardo, unha plumiña de Álvaro Cebreiro, a máquina de escribir de Valentín Paz Andrade e o violín que Manuel Quiroga doou ao seu amigo Antón Losada Diéguez; o manuscrito autógrafo de Arredor de si, de Otero Pedrayo, outro texto manuscrito do programa da I Asemblea Nacionalista ou a carta-nota ao gobernador civil que anuncia que a Irmandade da Fala se converterá no Partido Galeguista.
O estandarte de "Queixumes dos Pinos" da Coral Polifónica Follas Novas (1922), e obras de arte como os óleos "Autorretrato", de María Corredoira, "Valle Esmeralda" (1912), de Francisco Lloréns e "Nube da tarde", de Imeldo Corral; e a talla "Galicia, Nai e Señora", de Uxío Souto (1926), tamén forman parte da exposición.
Escoitando ás Irmandades
Saúde e Terra, irmá(n)s! é unha exposición para ver, pero tamén para oír. Amosará, e permitirá escoitar, o disco coa primeira gravación do Himno galego, a cargo do Coro Cantigas e Aturuxos de Lugo. A formación musical gravouno días despois de o interpretar no peche da I Asemblea Nacionalista, celebrada en Lugo en 1918, xunto aos membros das Irmandades da Fala, que naquel encontro apostaron definitivamente polo seu carácter nacionalista e deixaron atrás o rexionalismo.
Esta evolución queda tamén patente nos versos escritos por Ramón Cabanillas convertidos no himno "Pregaria" polo irmán Baldomir e interpretado en exclusiva para a exposición polo cuarteto Os Rebentos. Na mostra exhibirase ademais un dos cartóns postais nos que se difundiu a partitura e a letra, na que o poeta se referiu inicialmente a Galicia como "rexión", termo que cambiaría polo de "nación" nunha versión posterior. Outro documento sonoro creado para a ocasión permitirá escoitar a muiñeira para piano que Faustino Temes compuxo para o xornal galeguista Galicia. Diario de Vigo.